Santiago destina preto de 1,5 millóns do POS+ 2026 a melloras no rural

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou a proposta para participar no POS+ 2026 da Deputación da Coruña, cun investimento de 1,47 millóns de euros que se destinará integramente ao rural compostelán.
Miriam Louzao
3 Feb 2026

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns a proposta para participar no Plan único de concellos 2026 (POS+ 2026) da Deputación Provincial da Coruña, cun orzamento total de 1.471.838,65 euros que se destinará integramente á mellora do rural compostelán.

A portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, explicou en rolda de prensa que do total do investimento, a Deputación achega 1.214.838,65 euros, mentres que o Concello de Santiago contribúe con 257.000 euros. Segundo subliñou, esta distribución responde ao compromiso subscrito por todas as forzas municipais de destinar o POS na súa totalidade ás parroquias rurais.

Entre os proxectos incluídos na proposta destacan a execución da rede de saneamento no lugar de Reboredo, na parroquia de Enfesta, cun orzamento de 352.024,28 euros; a mellora do pavimento en distintos camiños de Cesar, cun investimento de 152.640,12 euros; e a primeira fase da senda peonil entre Grixoa e Albudiño, cun orzamento de 257.000 euros.

A maiores, inclúese unha achega de 710.174,25 euros para o mantemento do rural, correspondente a gasto corrente imputable ao plan.

De maneira complementaria, a Xunta de Goberno acordou propoñer dous proxectos ao plan complementario do POS+ 2026, por un importe total de 587.079,68 euros: a rehabilitación da ponte de Gallufe, cun orzamento de 46.277,77 euros, e a ampliación da rede de abastecemento na variante de Aradas, por 540.801,91 euros.

Suspensión do prazo do concurso do transporte urbano

No ámbito da contratación, a Xunta de Goberno acordou tamén suspender o prazo de presentación de ofertas do concurso para a prestación do servizo de transporte urbano, tras a presentación de cinco recursos ante o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (TACGAL).

Tal e como lembrara a alcaldesa, Goretti Sanmartín, a suspensión responde a unha medida cautelar ditada polo tribunal. A portavoz municipal indicou que, aínda que a resolución non afecta directamente ao prazo de presentación de ofertas, o goberno local optou por suspendelo “prudentemente” para garantir a transparencia e a igualdade entre as empresas licitadoras.

O prazo inicial remataba o 9 de febreiro e será ampliado “de maneira razoable” unha vez que o TACGAL se pronuncie. Os servizos técnicos municipais están xa respondendo ás consultas formuladas polas empresas interesadas.

Licenzas e outros acordos

Na sesión tamén se concederon diversas licenzas urbanísticas, entre elas a rehabilitación e ampliación dunha vivenda para uso de hospedaxe en San Paio, a rehabilitación dun edificio na rúa de Santo Agostiño, a construción dunha piscina en Vilastrexe e a instalación dunha pérgola exterior na cafetería da Facultade de Matemáticas.

Ademais, adxudicouse o servizo de mantemento dos sistemas de alarma antiintrusión en edificios municipais á empresa Segursystem Europa por un importe de 172.871,42 euros.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a xustificación do convenio coa Federación Galega de ANPAS de centros públicos “Compostela” (FANPA Compostela) correspondente aos meses de outubro a decembro de 2025, por un importe de 15.548,60 euros, destinado ao funcionamento dos comedores escolares nas escolas rurais do concello.

Finalmente, deuse conta dunha sentenza xudicial que confirma a baixa no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas dun piso turístico situado na avenida de Vilagarcía por carecer de título habilitante municipal.

⚙ Configurar cookies
0.24930691719055