Santiago escolle a proposta que definirá a paisaxe nocturna da contorna da Catedral nas vindeiras décadas

O Concello de Santiago seleccionou a proposta gañadora do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna da Catedral de Santiago, que marcará a futura paisaxe nocturna do corazón da cidade histórica, cun proxecto piloto na Praza de Praterías
Paixase Nocturna
4 Feb 2026

O xurado internacional do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago de Compostela reuniuse na cidade para avaliar os anteproxectos das tres propostas finalistas e seleccionar a idea gañadora do certame.

A proposta elixida asumirá a redacción do proxecto executivo e a dirección da obra piloto de iluminación da Praza de Praterías, que servirá como modelo para unha futura implantación progresiva no conxunto do ámbito catedralicio. O nome da proposta gañadora darase a coñecer oficialmente nas vindeiras datas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, de acordo cos procedementos legais establecidos.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, cualificou a xornada como “un día chave para a nova definición da paisaxe nocturna do corazón de Santiago” e destacou o alto nivel das tres ideas finalistas: Hermes, Shh… See the silence e Ad maiora semper.

O proceso, estruturado en dúas fases, contou coa participación de 21 propostas nacionais e internacionais, co obxectivo de redefinir a paisaxe nocturna dun dos conxuntos patrimoniais máis singulares de Europa.

As persoas integrantes do xurado foron recibidas pola Corporación municipal no Pazo de Raxoi. Nese encontro, a alcaldesa agradeceu “o traballo, a dedicación e a delicadeza no tratamento das propostas” e subliñou a importancia de contar cun proxecto piloto que permita homoxeneizar no futuro a iluminación da contorna catedralicia.

Pola súa banda, o arquitecto municipal Javier García Castelo puxo en valor a alta calidade técnica e o respecto polo patrimonio das propostas finalistas. En representación do xurado, Teresa Táboas salientou a proxección internacional do concurso, asegurando que Santiago “vai ser un faro de referencia no urbanismo nocturno a nivel mundial”.

Alta calidade técnica e conceptual

Na fase final, o xurado avaliou criterios como a estratexia lumínica, a integración estética e patrimonial, a viabilidade técnica e económica, a eficiencia enerxética, o control da contaminación lumínica e a capacidade para crear unha iluminación emocional, acougada e respectuosa coa identidade da cidade histórica.

A Catedral e as prazas que a rodean —Obradoiro, Praterías, Quintana e Inmaculada— conforman un espazo urbano de valor universal excepcional, historicamente ligado á simboloxía da luz e da Vía Láctea. A intervención en Praterías funcionará como banco de probas para o deseño dunha nova paisaxe nocturna sustentable.

Un xurado internacional de prestixio

O xurado estivo integrado por profesionais de recoñecido prestixio internacional, entre eles o arquitecto británico David Chipperfield, premio Pritzker; a arquitecta Teresa Táboas; o especialista en iluminación urbana Roger Narboni; a editora Esther Torelló; e o catedrático Manuel Castiñeiras, xunto con representantes das administracións convocantes.

No marco do PSTD

O concurso enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de Santiago (PSTD), impulsado polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, cun investimento global de 3 millóns de euros. Trátase dunha aposta pola innovación aplicada ao patrimonio e por un modelo turístico máis sostible, que mellore tanto a experiencia das persoas visitantes como a calidade de vida da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.24815392494202