Santiago será en setembro a capital da cultura urbana co festival “Compostela Street”

Santiago converterase en setembro na capital da cultura urbana coa celebración do festival “Compostela Street”, que ofrecerá concertos, competicións deportivas e exhibicións artísticas con entrada libre, nun evento inclusivo e participativo vinculado aos Orzamentos Participativos.
Santiago Street
13 Jul 2025

Do 19 ao 21 de setembro, Santiago de Compostela acollerá o festival “Compostela Street”, unha celebración da cultura urbana con máis de dez disciplinas, concertos, exhibicións artísticas e múltiples actividades de lecer con entrada libre. O evento, que terá lugar nas pistas deportivas do Campus Sur, conta coa participación da Concellaría de Xuventude e da USC, e acollerá unha das propostas máis votadas nos Orzamentos Participativos da área de Mocidade.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou na presentación do festival xunto á vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; e Pablo Castiñeira, en representación da organización.

Rozas destacou que Compostela Street “supón un chanzo máis no recoñecemento e impulso da cultura urbana en Santiago”, dando continuidade a iniciativas como o Compostela Skate ou o encontro de Parkour. O evento quere dar protagonismo á mocidade e atender aos seus intereses a través dun formato participativo e diverso.

Festival ligado aos Orzamentos Participativos

Unha das principais actividades do programa será un concerto financiado cos Orzamentos Participativos, que se celebrará o día 19 de setembro e contará coa participación de artistas como La Blackie, O Pirata, Daya, DJ Mil e Andrés GS, este último vinculado aos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga.

Dez disciplinas e un formato aberto

A programación incluirá competicións e exhibicións en disciplinas como Street Workout (campionato internacional), Breaking (campionato estatal), Beatbox, Freestyle, Skate, Basket 3×3, Parkour, entre outras. Participarán preto de 500 persoas en probas galegas, estatais e internacionais.

Tamén están previstos concertos de artistas como C. Mirazo, Lady Funk e Ricky Hombre Libre; exhibicións e certames de Street Art; talleres; e espazos como o PumpTrack, o Parkour Park, a Gaiola de Street Football, ademais dun Street Studio, Street Barber, zona gastro con Foodtrucks e un Street Market no entorno do estanque do campus.

Un evento inclusivo e pioneiro

O Compostela Street aposta pola igualdade, a inclusión e a participación activa. Será o primeiro festival estatal de cultura urbana con equilibrio de xénero na contratación artística, contará con entrada preferente para persoas con mobilidade reducida e será accesible para todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.21375703811646