Sara Guerrero e Antonio Serrat asinan un Top-10 no Campionato de Europa de Tríatlon en Istambul

A pasada fin de semana, Istambul (Turquía) acolleu o Campionato de Europa de Tríatlon en distancia olímpica, unha cita marcada polas altas temperaturas e a humidade, na que a delegación española, e en particular a galega, acadou resultados destacados.
Na categoría elite feminina, disputada o sábado 30 de agosto, a vitoria foi para a belga Claire Vermeylen, seguida pola rusa Isakova (prata) e a británica Anema (bronce). A galega Sara Guerrero, vixente campioa autonómica, protagonizou unha gran actuación ao cruzar a meta en sexta posición.
“Foi unha carreira moi estratéxica. Atópeime ben desde o principio, logrei unha boa colocación e decidín reservarme ao máximo para dar todo nos últimos cinco quilómetros”, declarou Guerrero ao rematar.
Na categoría elite masculina, celebrada o domingo 31 de agosto, o suízo Max Studer impúxose con claridade, especialmente no sector da carreira a pé. A prata foi para o húngaro Bicsák e o bronce para o grego Bitados. O vigués Antonio Serrat conseguiu unha meritoria oitava posición, asinando o segundo mellor parcial a pé por detrás de Studer, malia un problema mecánico na bicicleta.
“Nada máis comezar o sector ciclista baixóuseme o sillín e mesmo pensei que pinchara. Foi unha carreira moi dura, pero non tirei a toalla en ningún momento. Pouco a pouco, nos 10 km de carreira, puiden ir remontando posicións”, explicou Serrat tras a competición.
A próxima edición do Campionato de Europa de Tríatlon celebrarase en Tarragona en 2026, que tomará a testemuña de Istambul como sede.