Sarria volveu acoller a proxección de 'Mudanza', a curtametraxe de Sonia Arias seleccionada internacionalmente

A Casa da Cultura de Sarria acolleu a proxección da curtametraxe Mudanza, da autoría de Sonia Arias, que volveu congregar a decenas de persoas interesadas en desfrutar dunha produción audiovisual galega de alta calidade.
Gravada nas localidades de Sarria e Paradela, a obra destaca pola súa capacidade de mesturar paisaxe, emocións e unha homenaxe aos pacientes de cancro.
Mudanza conta xa con laureis, recoñecementos visuais e distintivos concedidos por festivais que seleccionan ou premian películas para promover a súa visibilidade.
Así, a curtametraxe foi seleccionada para participar na novena edición do Cityblue Films Festival, o Festival Internacional de Cine de Vigo, que se celebrará o vindeiro 6 de decembro.
A elección do proxecto entre 864 filmes procedentes de 43 países pon de manifesto a calidade do traballo de Sonia Arias e do seu equipo galego, que apostou por crear unha obra que combina a paisaxe galega coa carga emocional e social da historia.
CRÍTICAS AO NON APOIO
A autora, Sonia Arias, vollveu criticar a falta de apoio por parte da área de Cultura da Deputación de Lugo, debido a que a curtametraxe rodouse en castelán; destacando que "é certo que a lingua galega forma parte da nosa esencia como galegos, pero defender o galego tamén é falar a nosa lingua dende que nos levantamos ata que nos deitamos cada día. É querer que os nosos fillos queiran o noso idioma porque valoran as suas raíces e non porque ao dia de mañá vaia ter máis axudas das institucións por falar en galego. Non deben sentir que lles impoñen o idioma, deben querelo e valóralo cada día".
E engadiu que "non só é o idioma o que fala da nosa identidade galega dun xeito global. Os galegos somos moitas cousas e todas esas cousas suman tanto como o idioma. O querer traer proxectos importantes, interesantes e case imposibles a Galicia tamén é ser galegos", subliña. "E apoiar proxectos que se fan para presumir da terra debería ser unha obriga por parte das institucións", conclúe.