Senra coróase no Galego cun gran triunfo no Rally San Froilán

O piloto de Hyundai, Víctor Senra, asinou en Lugo unha vitoria brillante no Rally San Froilán, coa que se proclamou campión galego de rallies 2025. O coruñés dominou a proba de principio a fin, gañando seis dos oito tramos cronometrados e demostrando unha autoridade incuestionable ao volante.
A retirada de Alberto Meira (Skoda) no primeiro tramo deixáballe o título practicamente asegurado, xa que lle bastaba con finalizar terceiro. Con todo, Senra non se conformou e decidiu ir a por todas, marcando o mellor tempo desde os primeiros quilómetros e ampliando as diferenzas tramo a tramo.
No primeiro paso por Outeiro de Rei, xa aventaxaba en máis de 22 segundos a Iván Ares (Toyota) e en 32 segundos ao lucense Luis Vilariño (Skoda). Na primeira pasada por O Corgo, a distancia co segundo clasificado superaba xa os 29 segundos, mentres que Alberto Otero (Ford) se situaba en terceira posición, a máis dun minuto.
Senra, Ares e Vilariño mantiveron un trepidante pulso nas seguintes especiais, pero o piloto de Hyundai ampliou a súa vantaxe ata superar os 50 segundos ao final do tramo de O Páramo-Goían. A súa superioridade fixo evidente que só un erro podía apartalo do triunfo.
Consciente diso, Senra optou por unha estratexia máis conservadora nos dous últimos treitos, sen asumir riscos innecesarios. Ares foi o máis rápido no penúltimo, pero o resultado final xa estaba decidido. Con 59,5 segundos de vantaxe, Víctor Senra cruzou a meta como gañador do Rally San Froilán e novo campión galego de rallies.
Na clasificación final, Senra e Murado remataron con un tempo total de 54:57.075, seguidos de Ares-Martínez a 28.968 segundos e Otero-Vázquez a máis de tres minutos. O top cinco completárono Vilariño-Míguez e Díaz-Fernández.
Un novo éxito que consolida a Senra como o gran referente do automovilismo galego e que pecha a tempada con broche de ouro na capital lucense.
