Solicitan a Lactalis, Capsa e Lence que cesen "na discriminación de prezos"

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas enviou cartas ás principais industrias lácteas que operan en Galicia —Lactalis, Capsa e Lence— para expresar a súa preocupación pola política de prezos que están a aplicar. Segundo denuncian, estas empresas están a pagar o leite galego por debaixo do prezo medio do Estado español e da Unión Europea, ademais de establecer diferenzas de pago inxustificadas entre explotacións con leite de igual calidade. "Esta situación pon en perigo a viabilidade de arredor de 3.000 granxas galegas", din.
A organización agraria denuncia que os prezos actuais benefician ás grandes explotacións en detrimento das pequenas e medianas gandarías familiares. "Os datos da Consellaría do Medio Rural de xaneiro de 2025 reflicten esta discriminación: as explotacións que producen menos de 100.000 litros anuais cobraron un prezo medio de 41,38 €/100 litros, mentres que as que superan os 700.000 litros percibiron 47,98 €/100 litros. Dado que case a metade das explotacións galegas producen menos de 250 toneladas anuais, moitas delas vense gravemente prexudicadas por esta política de prezos", engaden.
Ademais, avisan que os contratos actuais das industrias lácteas agravan aínda máis esta diferenza. "Lactalis non aplica primas ás explotacións que entregan menos de 200.000 litros ao ano, mentres que as que producen máis de 275.000 litros reciben unha prima de 5,5 céntimos por litro. Capsa só outorga bonificacións a partir dos 250.000 litros e establece tramos ata chegar a 5 céntimos por litro para quen produce máis de 2 millóns. Pola súa parte, Lence aplica primas progresivas, cun máximo de 4 céntimos por litro para as explotacións que superan os 3.600.000 litros. Isto implica que a diferenza de prezo entre as grandes e pequenas explotacións podería superar os 12 céntimos por litro, o que para unha pequena granxa pode supoñer perdas de máis de 10.000 euros anuais", engaden.
O Sindicato Labrego Galego insiste en que non hai razón obxectiva para que as pequenas granxas galegas cobren menos polo seu leite. Pola contra, deberían ser especialmente valoradas polo seu papel na economía rural, na cohesión social e no coidado do medio ambiente.
Por este motivo, a organización agraria reclama ás industrias que revisen a súa política de prezos e apliquen subas equitativas a todas as explotacións, independentemente do seu tamaño. Ademais, anuncian que, de non haber cambios, levarán a cabo unha campaña informativa en superficies comerciais e con organizacións de consumidores para denunciar publicamente aquelas empresas que discriminen economicamente ás pequenas e medianas explotacións leiteiras.