Sorpresa no Pleno da Deputación pola ausencia dos tres deputados socialistas críticos con Tomé

O Pleno da Deputación de Lugo viviu este martes un xiro inesperado pola ausencia dos tres deputados socialistas que encabezaron a candidatura alternativa a José Tomé nas primarias do partido: Iván Castro, José María Arias e Marisol Morandeira.
A primeira das propostas, unha declaración institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, aprobouse por unanimidade. Porén, o resto dos puntos da orde do día quedaron bloqueados ao quedar o equipo de Goberno en minoría, incluída a proposta sobre a actividade económica e o réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá.
A sesión comezou coa aprobación unánime dunha declaración institucional polo Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+. Con todo, a maioría das propostas non prosperaron, entre elas a relativa ao réxime xurídico e actividade económica do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá. O Plan Económico, pola súa parte, saíu adiante grazas á abstención do PP.
A día de hoxe, os tres deputados ausentes non fixeron pública ningunha explicación sobre a súa falta, aínda que avanzaron que emitirán un comunicado nas vindeiras horas. Tampouco houbo valoracións por parte do presidente provincial, José Tomé, nin da voceira socialista, Pilar García Porto. A tensión entre ambas correntes vén de atrás, especialmente desde as primarias nas que Tomé revalidou a dirección do partido fronte a Iván Castro, e agravouse coa configuración da nova executiva provincial.
Quen si aproveitaron para pronunciarse foron os populares. O voceiro do PP, Antonio Ameijide, falou abertamente de “crise interna no PSOE lucense” e criticou que “os enfrontamentos do Partido Socialista repercuten directamente nos veciños da provincia, que sofren un goberno sen liderado e debilitado”. Ameijide resumiu a situación ironizando: “Igual non era boa idea intentar coser as costuras internas a machetazos”.
Un dos asuntos máis relevantes da sesión —a modificación do réxime xurídico da nova residencia de maiores de Becerreá— non foi aprobado debido ao voto en contra do PP, que tamén se sumou á concentración de veciños celebrada ás portas do pleno. Os populares alegaron que esta proposta establecería un tratamento desigual, ao supoñer para os usuarios de Becerreá un custo un 60 % superior ao doutras residencias da rede provincial. Denunciaron, ademais, que o goberno de Tomé rexeitou as 480 alegacións presentadas polos veciños e pola oposición.
Para Ameijide, esta iniciativa amosa “o modelo privatizador” do executivo socialista. Pola súa banda, desde o PSdeG acusan ao PP de “dicir unha cousa e facer a contraria”, afirmando que “alí onde gobernan non crean este tipo de centros, e onde non gobernan, bloquean a súa posta en marcha”. Defenden tamén que a Deputación está a asumir competencias que corresponderían á Xunta porque consideran “prioritario garantir o benestar das persoas maiores”. A proposta presentada estaba “avalada por informes técnicos e necesaria para abrir o centro, xerar emprego e ofrecer atención digna”, sinalan.
Mocións do PP
O PP logrou sacar adiante as dúas mocións que presentou, grazas á súa posición de forza pola ausencia dos socialistas críticos. A primeira instaba ao Goberno central a actuar fronte ao recurso contra o veto á pesca de fondo e foi aprobada por unanimidade. A segunda, que reclama a recuperación das frecuencias ferroviarias eliminadas e inversión para a chegada do AVE a Lugo, foi aprobada cos votos populares e a abstención do BNG.
Ameijide criticou a falta de compromiso do Goberno central con Lugo e ironizou cunha pregunta dirixida a José Tomé: “Preguntoulle a Santos Cerdán polo destino dos máis de 1.000 millóns prometidos cando paseaban en catamarán pola Ribeira Sacra?”
Entre as iniciativas socialistas que quedaron no limbo pola minoría circunstancial do goberno provincial están as críticas á “inxerencia da Xunta nos centros de ensino”, a petición para que o Goberno galego asuma o persoal sanitario das unidades de drogodependencias, ou a adhesión ao acordo de vivenda do Goberno central.
Tamén se aprobou, co apoio do BNG e a abstención do PP, a moción nacionalista que reclama medidas urxentes para a conservación e rehabilitación das pallozas de Piornedo, declaradas Ben de Interese Cultural.