Tamara Seijas e Samuel Baña cumpren co seu papel de favoritos no Campionato de Galicia 3h Resistencia

Os bikers impuxéronse nun circuíto esixente marcado pola lama en Muros. Nos títulos por parellas, os máis rápidos foron Rebeca Fontela-Samuel González, María Filgueiras-Irene Trabazo e Manuel Armada-Darío Buceta.
Tamara Seijas
26 Feb 2025

A especialidade invernal do BTT en Galicia renovou a súa nómina de campioas e campións este domingo en Muros. O circuíto deseñado nas inmediacións do campo de fútbol Agra da Filgueira de Louro acolleu a cuarta edición do Campionato de Galicia 3h Resistencia, un evento que contou con 261 inscritos. Os grandes favoritos, a elite Tamara Seijas (RG Bikes) e o máster-30 Samuel Baña (Xesteiras), fixeron valer os prognósticos e impuxéronse nas súas categorías con autoridade.

As condicións climatolóxicas e a lama complicaron a proba, aumentando a esixencia dun trazado coidado ao detalle polo Club Ciclista Muros. A carreira masculina viviu un emocionante man a man entre Samuel Baña e o sub-23 Adrián Caamaño (Extol-Zambora.es), que rodaron xuntos ata a última volta. Finalmente, Baña abriu unha diferenza de 32 segundos e logrou a vitoria absoluta por primeira vez no Campionato de Galicia 3h Resistencia, impoñéndose ademais no seu concello.

Na categoría feminina, Tamara Seijas tivo que remontar para impoñerse á defensora do título elite, Raquel Román (Bici Verde). Tras un inicio dominado por Román, Seijas deu a volta á clasificación nos últimos parciais, cruzando a meta cunha vantaxe de 4 minutos e 21 segundos.

No apartado de parellas, os títulos absolutos foron para Manuel Armada e Darío Buceta (Cidade de Santiago-Supermercados Froiz) na categoría masculina, Rebeca Fontela e Samuel González (Máis Que Bicis) na mixta e Irene Trabazo e María Filgueiras (XSM) na feminina. Ademais, por primeira vez, a carreira de parellas cadetes, con dúas horas de duración, concedeu títulos autonómicos, que recaeron en Andrea Paz e Aroa Ferreño (Esmelle), Iris Santana e Lucas Carrizo (Coruxo) e Mateo Ledo e José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas).

0.11859202384949