Triacastela entrega a Presidencia da Mancomunidade do Camiño Francés a Arzúa

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, deixou de exercer como presidenta da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés logo de aprobarse o relevo nun pleno extraordinario municipal.
Deste modo, a representación pasa agora a mans da concelleira de Turismo, Promoción Económica, Comercio e Acción Urbana de Arzúa, Begoña Balado, quen xa exercía como vicepresidenta da entidade. Pola súa banda, a vicepresidencia recae desde este momento en Melide, a través do tenente de alcalde Xosé Igrexas.
Este traspaso responde ao sistema de rotación establecido, que marca un cambio de responsabilidades cada dous anos entre os municipios membros. Triacastela fora a última en asumir a presidencia e, tal e como estaba previsto, a quenda retorna a Arzúa.
Iglesias destacou que o balance da súa etapa ao fronte da Mancomunidade é “positivo”, que se prolongou máis alá do previsto, ao comenzar en febreiro de 2023, debido á necesidade de xestionar e xustificar as axudas procedentes de programas europeos recibidas pola entidade.
Ademais, recoñece estar “satisfeita” co traballo feito e destaca a gran cantidade de accións de promoción levadas a cabo desde a Mancomunidade nesta etapa enfocadas “todas elas” a que a ruta “siga sendo o principal e máis antigo Camiño a Santiago”.
A rexedora precisa que, nestes máis de dous anos á fronte da entidade, se levou a cabo un intenso traballo, da man dos once concellos que integran a Mancomunidade (Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino), co único obxectivo de “seguir potenciando e poñer aínda máis en valor este itinerario, unha experiencia única no mundo que xa recolle o Códice Calixtino no século XIII”.
ACCIÓNS DESENVOLVIDAS POLA MANCOMUNIDADE
Entre as accións emprendidas neste tempo, a alcaldesa destaca o convenio asinado con Turismo de Galicia para acometer moitas das acción de impulso á ruta. Tamén pon en valor a boa sintonía e colaboración entre todos os concellos membros.
Cita tamén a dotación de infraestruturas necesarias para os concellos que atravesan a ruta, ou a adaptación ás novas tecnoloxías a través do proxecto de dixitalización Camiño de Europa coa creación dunha plataforma tecnolóxica que ofrece unha maneira innovadora de contribuír ao desenvolvemento sociocultural e económico das localidades galegas que forman parte do proxecto.
"Esta iniciativa, da que foron da man de diversos socios, pretende mellorar a experiencia do peregrino mediante ferramentas tecnolóxicas e busca facilitar o acceso á información e facer máis accesible os recursos e servizos ao longo da ruta. Tamén pretende achegar os produtos locais e de artesanía que se elaboran ao longo do percorrido", explica.
Neste tempo, a Mancomunidade presentou, ademais, unha primeira edición da súa nova guía dixital dispoñible en seis idiomas (galego, castelán, francés, inglés, italiano e alemán), aos que sumarán o chinés, xaponés e coreano.
Tamén se actualizou a imaxe corporativa da Mancomunidade e se presentou o documental ‘Almas do Camiño’ no que participaron nove entidades das cinco comunidades polas que atravesa a ruta, tamén no marco do plan Camiños de Europa, proxecto cofinanciado pola UE cuxo investimento supera o millón de euros. A través deste mesmo proxecto financiouse a participación na Feira dos Camiños de Carrión de los Condes e o proxecto Camino 360ª, que inclúe desde realidade virtual ata cámaras para contabilizar o número de peregrinos.
Entre as accións de promoción exterior, as viaxes a Pistola, onde arranca unha das rutas xacobeas do Camiño en Italia; a colocación dunha pedra por cada un dos once concellos na Cruz de Ferro; os actos polo ano xubilar do Camiño Lebaniego ou a recente viaxe a Gran Canaria.
Iglesias garda un especial recordo doutras accións, como a reunión da xunta directiva da Asociación de Municipios do Camiño Francés a nivel nacional para conmemorar os 30 anos do Camiño Francés como patrimonio mundial celebrada en Triacastela ou a celebración desta efeméride por parte da Mancomunidade na Casa de Galicia en Madrid; a presenza en Fitur da entidade, así como a presentación do documental ‘Camino Francés, solo camina’, un escaparate de todo o que a ruta ten para ofrecer.
Todos os esforzos, conclúe Iglesias, estiveron encamiñados a que a ruta francesa “siga a ser o destino cultural de referencia para peregrinos de todo o mundo, buscando preservar e mellorar a experiencia actual e apostando polo peregrino de medio e longo percorrido”.