UGT-Xustiza denuncia que o Xulgado de Santiago que levou a causa do tren Alvia atópase á beira do colapso

O sindicato alerta da sobrecarga de traballo extrema do Xulgado do Penal número 2 de Santiago e critica a negativa da Dirección Xeral de Xustiza a reforzar o seu cadro de persoal.
Caso Alvia-min
26 Feb 2025

UGT-Xustiza denuncia que a insuficiente dotación de recursos por parte da Xunta de Galicia e a falta de previsión do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Ministerio de Xustiza propiciaron que o Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela sufra un atraso descomunal.

Cando a maxistrada titular deste órgano tivo que facerse cargo do xuízo do accidente do tren Alvia, o resto das causas foron atendidas de forma separada e sucesiva por dúas xuízas de apoio territorial e tres xuíces substitutos, sen que ningún deles permanecese o suficiente tempo no órgano xudicial para dar continuidade ao seu traballo.

Á temporalidade das xuízas e xuíces sumáronse a baixa por enfermidade da letrada titular do órgano, que tamén foi substituída sen solución de continuidade, e a saída do xulgado da totalidade do seu cadro de persoal por distintos motivos.

Por outra banda, a folga de letrados e letradas da Administración de Xustiza e a de avogados e avogadas da quenda de oficio provocaron innumerables suspensións de xuízos, incrementando de forma considerable o atraso.

A día de hoxe, a sobrecarga de traballo do Xulgado do Penal número 2 de Santiago é de dimensións colosais e a Dirección Xeral de Xustiza négase a reforzar o seu cadro de persoal, a pesar das continuas solicitudes presentadas por UGT-Xustiza e polo propio Xulgado. O sindicato advirte que, se non se toman medidas urxentes, o xulgado acabará colapsando.

0.089254140853882