Un mercado en crecemento e a evolución das empresas medianas, claves do informe económico anual

Elaborado por CEL e Deputación, recolle os datos sociolaborais, demográficos e económicos máis significativos da provincia
lugo-informe-anual-cel-deputacion
23 Dec 2025

A Deputación de Lugo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), presenta Lugo, Informe Anual 2025, unha publicación que recompila os principais indicadores demográficos, laborais, empresariais, turísticos e macroeconómicos da provincia, co obxectivo de ofrecer unha radiografía rigorosa, actualizada e completa da realidade socioeconómica lucense.

Desde a Deputación de Lugo destácase o valor desta publicación como unha ferramenta de análise e referencia para a cidadanía, as empresas e as institucións públicas á hora de avaliar a situación da provincia e fundamentar a toma de decisións. A institución provincial salienta, ademais, a importancia da colaboración público-privada que fai posible este informe, froito do traballo conxunto coa CEL, e que permite dispor ano a ano dunha diagnose fiable da evolución económica e social de Lugo.

O informe recolle dúas tendencias especialmente relevantes. Por unha banda, o crecemento das empresas de tamaño medio, tanto das que contan con ata 50 persoas traballadoras como das que se sitúan entre 50 e 250, o que pon de manifesto a capacidade do tecido produtivo provincial para medrar, profesionalizarse e xerar emprego estable. Por outra, no medio rural obsérvase unha progresiva reagrupación das explotacións gandeiras en unidades de maior tamaño, un proceso que reflicte o traballo das novas xeracións de gandeiros e gandeiras, con formación, manexo das novas tecnoloxías e unha clara aposta pola modernización do agro para competir con éxito nos mercados.

Identidade económica e social sólida

Á luz dos datos recollidos en Lugo, Informe Anual 2025, a provincia continúa a amosar unha identidade económica e social sólida, caracterizada por un tecido produtivo resiliente, un mercado laboral que mantén o crecemento do emprego e unha sociedade que, malia o acusado envellecemento poboacional, segue a avanzar en benestar e rendemento económico.

No ámbito económico e laboral, Lugo pechou o ano 2024 cunha taxa de paro do 6,99 %, situándose por debaixo das medias galega (8,67 %) e estatal (11,35 %). O número de persoas ocupadas acadou as 139.400, cunha distribución sectorial que reafirma o peso dos servizos (63,2 %), seguidos da agricultura (15,2 %), a industria (15 %) e a construción (6,6 %).

A contratación mantívose estable respecto a 2023, con 72.494 contratos rexistrados, dos cales o 34 % foron indefinidos. O avance da contratación indefinida consolídase especialmente nos contratos por circunstancias da produción, que supoñen máis da metade das conversións.

A afiliación á Seguridade Social tamén presenta un comportamento positivo. En 2024 rexistráronse 125.319 persoas afiliadas, e o peso do traballo autónomo en Lugo (24,9 %) sitúase claramente por riba do conxunto de Galicia (19,1 %), o que evidencia o marcado carácter emprendedor da provincia e a relevancia das pequenas empresas e das actividades familiares. En materia de pensións, Lugo contabiliza 113.091 prestacións, cunha pensión media de 983,9 euros, un dato que reflicte a estabilidade do sistema e o seu impacto directo sobre o consumo interno.

O tecido empresarial lucense está integrado por arredor de 22.600 empresas, das cales o 97 % son microempresas, aínda que o número de sociedades de tamaño medio continúa a medrar. Entre 2022 e 2023, as empresas de 10 a 49 traballadores aumentaron un 4,7 %, mentres que as de 50 a 249 traballadores creceron un 8,4 %, unha evolución que apunta cara á consolidación e á profesionalización progresiva do tecido produtivo.

O sector primario mantén un papel estratéxico na economía provincial, cunha progresiva concentración das explotacións gandeiras en unidades de maior dimensión e rendemento, o que sitúa a Lugo como unha das provincias de referencia na produción láctea.

No ámbito do turismo, a actividade consolidouse tras a recuperación pospandemia. En 2023, o grao de ocupación hoteleira situouse no 33,7 %, cunha estancia media de 1,69 días. No turismo rural, a ocupación foi do 15,5 %, cunha estancia media de 1,9 días, mentres que os apartamentos turísticos rexistraron un 26,8 % de ocupación, cunha media de 3,2 días por visitante. Estes datos reflicten un fluxo estable e un interese crecente polo turismo de natureza e polo patrimonio histórico e cultural da provincia.

En canto aos prezos e á actividade macroeconómica, o IPC en Lugo moderouse ata o 3,1 % en 2023, en liña coas medias galega e estatal. O PIB provincial acadou os 7.395 millóns de euros, cun predominio claro do sector servizos (64,6 %), seguido da industria (11,7 %), os impostos netos (9,5 %), a agricultura (8,8 %) e a construción (5,4 %). A estrutura económica amosa así unha diversificación sostida e unha base produtiva que combina tradición e innovación.

Reto demográfico

Os datos menos favorables concéntranse no ámbito demográfico. Lugo mantén unha estrutura poboacional fortemente marcada polo envellecemento: case o 7 % da poboación ten 85 ou máis anos, unha proporción superior ás medias galega e estatal, mentres que só o 2,8 % corresponde a nenos menores de 4 anos. O descenso da natalidade non se compensa completamente co incremento da poboación de orixe estranxeira, aínda que esta achega vitalidade económica e cultural a numerosos concellos. A composición dos fogares tamén evoluciona: as parellas con fillos seguen a ser o tipo máis frecuente (26,5 %), pero medran os fogares unipersoais (23 %) e as parellas sen fillos (25 %), reflexo dos cambios sociais e das novas dinámicas residenciais.

A análise conxunta destes indicadores permite concluír que Lugo afronta o futuro desde unha posición de equilibrio, cun mercado laboral estable, unha economía diversificada e unha mellora progresiva dos niveis de renda. O principal desafío continúa a ser demográfico, aínda que tamén representa unha oportunidade para atraer novos proxectos e poboación activa. A cooperación institucional, a innovación empresarial e o aproveitamento do talento local serán claves para seguir construíndo unha provincia dinámica, sostible e competitiva, orgullosa da súa identidade e aberta ao mundo.

A publicación Lugo, Informe Anual 2025 conta con exemplares impresos, dispoñibles na sede central da CEL, e pode descargarse tanto na web da entidade, www.cel.es, como no portal Lugo en Cifras. Para a elaboración deste estudo analizáronse as fontes oficiais máis recentes —INE, IGE, SEPE, Banco de España e Ministerio de Traballo e Economía Social—. O informe 2025, pechado entre os meses de outubro e novembro antes da súa remisión a maquetación, recolle maioritariamente datos correspondentes ao exercicio 2024, aínda que nalgúns indicadores se incorporan cifras de anos anteriores (2023 ou mesmo 2022), sempre en función do peche das fontes consultadas e empregando exclusivamente datos consolidados.

⚙ Configurar cookies
0.33046102523804