USC e Fundación Caixa Rural asinan un acordo para convocar dous contratos predoctorales

A Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas presentaron un terceiro convenio de colaboración mediante o cal a Fundación dotará economicamente a convocatoria de dous contratos de predoutorado con finalidade investigadora.
Nun acto na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo, presentaron o convenio o Reitor Antonio López Díaz; Francisco José Fraga López, vicerrector de organización académica e do campus de Lugo; Mª Elvira López Mosquera, delegada do Campus Terra; Tomás Notario Vacas, presidente da Fundación; Manuel Varela López, vicepresidente da Fundación e presidente de Caixa Rural Galega, xunto a Alberto Cepeda Sáez e Salvador Diz Cerviño, membros do Padroado da Fundación. Ambos se congratularon por este primeiro acordo de colaboración que permite incrementar a capacidade da USC para dotarse de persoal investigador, así como facilitar a graduados a posibilidade de realizar unha actividade investigadora remunerada que permita así mesmo a obtención dun título de doutoramento.
O obxectivo da colaboración de ambas as institucións é o de contribuír á promoción e mellora da actividade investigadora, o desenvolvemento e a innovación universitaria, así como a calidade da educación superior, e en xeral do avance da sociedade a través da formación de novo talento científico e tecnolóxico.
O convenio e o contrato teñen unha duración de tres anos e a dotación económica será integramente sufragada pola Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.
A USC é a encargada de realizar a convocatoria, así como de realizar as contratacións e dar soporte á actividade investigadora dos contratados. Igualmente conformará a comisión de avaliación na que participará un representante nomeado pola Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas.
Poderán concorrer á obtención destes contratos aqueles estudantes que estean en posesión dun título universitario de grao ou equivalente e de máster universitario ou equivalente, que vaian realizar un plan de investigación nalgunha dos catro eixos establecidos na convocatoria, todos eles relacionados co mundo agroalimentario e forestal e a sustentabilidade como eixo transversal. Os eixos ou áreas de investigación serán a produción vexetal e agricultura sostible, a produción e saúde animal sostible, a alimentación segura e saudable e por último a xestión forestal sostible.
A convocatoria publicarase na sede electrónica da USC, onde tamén se poderán presentar as solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais desde a publicación da convocatoria na sede electrónica da USC.