Varias ANPAS denuncian deficiencias nos comedores escolares da provincia

As familias quéixanse de problemas relacionados coa calidade e cantidade da comida que se está a servir ao alumnado, así como outras deficiencias no servizo
Nenos no comedor escolar
13 Mar 2025

A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (Fapacel) vén de trasladar ao Departamento Territorial de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades en Lugo as queixas recibidas por varias ANPAS asociadas sobre o funcionamento dos comedores escolares. As familias denuncian problemas relacionados coa calidade e cantidade da comida que se está a servir ao alumnado, así como outras deficiencias no servizo.

Co fin de abordar esta problemática, a Fapacel convocou o pasado 5 de marzo unha xuntanza na que se decidiu presentar un escrito formal dirixido ao mencionado departamento para solicitar unha reunión co responsable dos comedores escolares e exixir que se adopten medidas urxentes para resolver esta situación.

Entre as principais preocupacións das familias destacan a falta de orzamento nos comedores de xestión directa e a falta de profesionalización do persoal coidador, que repercute na atención e benestar do alumnado durante o tempo de comedor.

Desde a Fapacel lembran que o servizo de comedor escolar non debe considerarse unicamente como un servizo de alimentación, senón que tamén debe cumprir unha función educativa.

Destacan que o comedor é un espazo pedagóxico, esencial para a conciliación familiar e con especial relevancia para o alumnado con menos recursos económicos.

A federación subliña que "os comedores de xestión directa deben ser un modelo de servizo complementario e educativo, garantindo sempre a calidade da atención e a seguridade alimentaria do alumnado".

A Fapacel seguirá traballando para que esta situación se resolva canto antes e que os comedores escolares poidan cumprir o seu importante papel social e educativo.

⚙ Configurar cookies
0.10232400894165