Vicepresidencia da Deputación abre o prazo para solicitar as bolsas para pilotos de rally

O prazo de solicitude está aberto ata o 5 de maio, incluído
rally-cull
22 Apr 2025

Este luns abriu o prazo de solicitude das bolsas para pilotos de rally que convoca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As achegas están dirixidas a deportistas federados nas modalidades de rally de asfalto, terra e montaña, vehículos históricos ou enerxías alternativas, con residencia na provincia.

A convocatoria establece como requisito de concorrencia ás axudas a participación nunha das principais probas que se celebran na provincia ou, de non cumprirse este requisito, a participación en, cando menos, dúas probas oficias e federadas.

Na concesión dos premios, que oscilan entre os 300 e os 2.500 euros, valóranse os resultados logrados polas persoas solicitantes nas probas disputadas, a participación en probas celebradas na provincia de Lugo ou a pertenza a unha escudaría da provincia. Puntúase adicionalmente a participación feminina.

O vicepresidente da Deputación e responsable de Deportes Efrén Castro sinalou que esta liña de axudas pretende “apoiar unha modalidade deportiva moi esixente economicamente, sobre todo para as persoas que se inician nela e que teñen máis dificultades para optar a patrocinadores privados” e encadrou a convocatoria “nas accións que se desenvolven desde a área de Deportes para a promoción do automobilismo, entre elas, o apoio económico ás probas que se celebran na provincia ou o Volante Deputación, que promove a formación e dá oportunidades de incorporarse á competición a novos talentos”

As bases da convocatoria e formularios de solicitude están dispoñibles na web da Deputación de Lugo. O prazo de solicitude está aberto ata o 5 de maio, incluído.

⚙ Configurar cookies
0.079602956771851