Vilagarcía acolle o Campionato Galego de Pickleball 2025

A Federación Galega de Tenis acaba de abrir o prazo de inscrición para o Campionato Galego de Pickleball, que será a terceira proba puntuable do Circuíto Lintel Head 2025. A competición celebrarase en Vilagarcía de Arousa os días 26 e 27 de abril, utilizando o Parque da Xunqueira e as instalacións de Fexdega.
O sábado 26 xogaranse as categorías absolutas (dende as 10:00 h.), mentres que o domingo 27 será a quenda para veteranos +50 e sub 14.
Categorías en xogo:
🔹 Sábado 26 – Absolutas
-
Dobres masculino, feminino e mixto
-
Individual masculino e feminino
🔹 Domingo 27 – Veteranos +50 e Sub14
-
Dobres masculino, feminino e mixto
-
Individual masculino e feminino
-
Categoría unisex Sub14 (dobres e individual)
Non hai restricións de participación: cada xogador pode inscribirse en varias categorías. As probas individuais xogaranse ao final de cada xornada.
Os campións de cada categoría recibirán premios, incluíndo vales de compra no Centro Comercial Arousa.
A organización facilitará as palas para quen non dispoña de material propio.
Desde a Federación animan á cidadanía a achegarse a Vilagarcía para descubrir e desfrutar deste deporte emerxente e dinámico.