Vilalba, Ourense, Lugo e Vigo leváronse os premios do concurso de deseño do Día da Muller

A entrega dos premios escenificarase nun acto que terá lugar os días previos ao 8M en Santiago de Compostela, o xoves 6
carteis-8m-concurso-deseno
2 Mar 2025

A Consellería de Política Social e Igualdade fallou os premios da VIII edición do concurso para deseñar o cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres. As propostas deste ano destacaron pola súa orixinalidade e reflexión en torno á igualdade de xénero.

No certame deste ano resultou gañador na primeira categoría un grupo de alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Monseivane de Lanzós, no concello de Vilalba, que recibirán 600 euros polo seu traballo Que queremos ser de maiores? Iguais. O segundo premio desta categoría, dotado con 400 euros, recaeu nun grupo de alumnado de 5ª de Educación Infantil do CEIP A Ponte de Ourense, que presentaron a proposta titulada Arela de muller: igualdade e poder.

Na segunda categoría, dirixida a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO e Educación especial, o primeiro premio, de 500 euros, foi para o cartel titulado Xuntas, presentado por un grupo de alumnado do CEE O Pino de Ourense. O segundo galardón, de 350 euro, foi para outro grupo de rapaces e rapazas do CEIP Monseivane de Lanzós, en Vilalba, pola súa proposta Camiñando cara a Igualdade. Nesta categoría concedeuse un accésit a un grupo de alumnos do CEE Santa María de Lugo, que presentaron a obra Sempre con forza NOSOUTRAS.

Por último, na terceira categoría do certame, o primeiro premio, de 200 euros, recaeu en estudantes de 3º da ESO do IES Alexandre Bóveda, co cartel A igualdade non é un soño, é un dereito. Ademais, o segundo premio, de 150 euros, foi para a peza Xuntas somos máis fortes, de 3º da ESO do Colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús de Ourense.

Cabe recordar que a dotación dos cheques nas tres categorías é o mesmo: o primeiro premio, un chegue de 100 euros e o segundo de 50 euros. A variación, polo tanto, do total do premio vén do número de alumnado que participou na proposta artística.

O certame, posto en marcha polas direccións xerais de Promoción da Igualdade e de Ordenación e Innovación Educativa, ten como obxectivo fomentar a igualdade real entre as mozas e mozos e dar visibilidade a participación das mulleres nos diferentes eidos da vida pública. A entrega de premios terá lugar o día 6 de marzo, nas datas previas ao 8M, Día Internacional das Mulleres.

Este certame estivo dirixido aos centros educativos de Galicia de ensinanza non universitaria. O contido do cartel debía transmitir unha mensaxe positiva sobre a participación activa das mulleres na sociedade. Deste xeito, buscábase que as mozas e mozos reflexionasen sobre os estereotipos de xénero e coñecesen o longo percorrido histórico para o recoñecemento dos dereitos ás mulleres.

⚙ Configurar cookies
0.11944198608398