Xoán Fórneas lanza "Ferido", o seu primeiro single

O actor e músico lucense inicia un proxecto musical persoal e visualmente arriscado que combina música contemporánea, rito e un toque camp
Xoán-Fórneas-Ferido
26 Nov 2025

O actor e músico lucense Xoán Fórneas anunciou o lanzamento de "Ferido", o seu primeiro single, que verá a luz o venres 28 de novembro en todas as plataformas dixitais.

A canción marca o inicio dun proxecto que mestura música contemporánea en galego, rito e un toque camp, transformando a ferida emocional nun espazo luminoso, irreverente e vital. O tema naceu dun período de cambios afectivos e reflicte o tránsito que vai da vulnerabilidade á celebración.

O videoclip, rodado íntegramente na provincia de Lugo, leva a canción a un ritual colectivo no monte, no que un grupo de figuras enmascaradas espera polo artista para iniciar un acto simbólico de transformación que culmina en baile. A peza amplifica o universo visual do proxecto, teatral, emocional e conectado coa terra.

O proxecto artístico de "O Xoán" xorde tras unha etapa persoal que o levou a regresar ao rural lucense, ao lugar e ás persoas que o formaron. Este reencontro permitiulle recuperar parte de si mesmo que quedara en segundo plano durante os anos en Madrid e retomar a música como medio natural de expresión. Desde ese contexto, constrúe unha proposta íntima e comunitaria: música que nace da experiencia persoal pero que cobra sentido cando se comparte.

Xoán Fórneas (Lugo, 1993) é coñecido polo seu papel de Quique en Respira (Netflix) e por protagonizar 'Antes de Nós', o filme sobre a vida de Castelao. No ámbito audiovisual traballou con cineastas como Rodrigo Cortés, nun proxecto producido por Martin Scorsese.

Con este lanzamento, O Xoán inicia unha etapa máis madura e visualmente arriscada, definindo un universo estético propio dentro da música actual.

⚙ Configurar cookies
0.25085592269897