Xogade chega ao 66% do alumnado galego con preto de 147.000 inscritos na nova tempada

O programa Xogade acada xa o 66% da poboación escolar galega de entre 6 e 16 anos, con preto de 147.000 rapaces e rapazas inscritos na tempada 2025-2026.
Xogade
9 Sep 2025

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria da 17ª edición do programa Xogade para o curso 2025-2026, unha iniciativa que segue a medrar e que chega xa ao 66% da poboación escolar de entre 6 e 16 anos. En total, preto de 147.000 rapaces e rapazas (146.622) participan nesta nova tempada, sumando máis de 224.000 participacións deportivas, un 20% máis que o pasado ano.

A oferta mantén 16 modalidades na actividade deportiva escolar, entre elas atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, fútbol sala, natación, voleibol, patinaxe artístico ou xadrez, e conta coa adhesión de 38 federacións. Ademais, outras 39 federacións deportivas galegas participan no ámbito federado, como fútbol, ciclismo, piragüismo, rugby, taekwondo, judo, triatlón ou ximnasia.

Unha das claves do programa é a súa aposta pola inclusión, con actividades adaptadas a persoas con diversidade funcional e igualdade de xénero. Na tempada 2024-2025 a participación estivo equilibrada: 52% de nenos e 48% de nenas.

A Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para menores de 6 a 16 anos, pioneiro en Galicia, así como o transporte e a participación nas actividades. O orzamento total do programa para 2025-2026 rolda os 4 millóns de euros, dos que máis de 3 millóns destínanse ao seguro escolar, 450.000 ao transporte, 185.000 a convenios coas agrupacións deportivas escolares e 50.000 a outros gastos organizativos.

Xunto coa práctica deportiva, Xogade ofrece propostas educativas como Coñece o meu club, Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), Xogando coa auga e co vento, xogos tradicionais e populares ou actividades de promoción de deportes urbanos e de natureza como escalada, pickleball ou piragüismo dragón.

As entidades interesadas en inscribirse poden facelo durante o curso a través das webs www.xogade.xunta.gal e www.deporte.xunta.gal.

⚙ Configurar cookies
0.27594494819641