Skip to main content
Lugo

Rexístrase un incendio na nave de Desguaces Sidegal no polígono do Ceao

Por 26 Marzo, 2024Abril 1st, 2024Sin comentarios

Sinálase o cuarto de residuos como punto onde se orixinou o suceso, no que resultaron dúas persoas feridas, que foron atendidas por queimaduras e inhalación de fume

Efectivos dos servizos de emerxencia achegáronse ata un novo incendio rexistrado o martes 26 de marzo na nave de Desguaces Sidegal, no polígono do Ceao. Sinálase o cuarto de residuos como punto onde se orixinou o suceso, no que resultaron dúas persoas feridas que se atopaban no interior das instalacións, que foron atendidas por queimaduras e inhalación de fume e trasladadas ao HULA.

Segundo apuntan, un estaba ferido leve, polo que xa recibiu o alta na mesma xornada, mentres que as lesións doutra das traballadoras parecían de maior gravidade, polo que foi trasladada á Unidade de Queimados do CHUAC. Os lumes, que comezaron pasadas ás 9.35 da mañá, afectaron notablemente á fachada da nave, a un elevador de vehículos, ao turismo que contiña e ás oficinas administrativas sitas na planta superior ata onde se propagaron as chamas.

Ás 11.15 horas, a Xunta de Galicia xa activara o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) co obxectivo de que fosen chamados medios doutras localidades por se fose necesaria a súa intervención, polo que ao lugar dos feitos desprazáronse servizos sanitarios, axentes da policía local e bombeiros dos parques de Lugo, Sarria e Vilalba.

Traballaron durante horas preto de 20 bombeiros, así como diversos vehículos de extinción asociados a estes equipos que dispuxeron de recursos materiais e hídricos necesarios en todo momento. Nas instalacións atopábase material inflamable como neumáticos, aceites, gasolina e outros residuos, que puideron agravar o incendio e facer que se propagasen as lapas de maneira máis rápida, aínda que os traballadores desaloxáronse de xeito case inmediato.

Dúas naves afectadas

As chamas tamén afectaron a Frigoríficos Alfonso, a nave colindante, que xa tivo que cambiar a súa localización despois do incendio que a danou no 2021. Segundo apuntan dende o Concello, non existía perigo de que o lume se estendera ás naves lindeiras, como tampouco se detectaba risco estrutural.  Durante o operativo, mantiveron cortado o paso de vehículos e peóns na rúa do Vidro, onde está a nave, e recomendaban non achegarse ao lugar para garantir a seguridade e facilitar os traballos de extinción.

Ademais, tamén se encargaron de desaloxar as naves colindantes e aos traballadores que se acumulaban nas inmediacións á espera de que os servizos de emerxencia completaran os seus labores. No momento do suceso, orixinouse unha gran nube negra que era visible en gran parte da cidade e foi un particular o que deu a voz de alarma sobre as 09.45 horas, chamando ao 112 e asegurando que escoitara unha explosión.

Este é o segundo incendio recén no polígono, xa que o outro tivo lugar en Castro Parga e afectou ás naves dos arredores. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, trasladaronse á primeira hora da mañá ao parque empresarial para supervisar e facer seguimento dos traballos de extinción.

“O traballo dos bombeiros do parque de Lugo foi exemplar. A celeridade coa que articularon o dispositivo, en colaboración coa Policía Local e Nacional, permitiulles actuar con eficacia dispoñendo  de medios materiais e hidrícos suficientes, para evitar que as lapas alcanzasen as naves lindeiras”, sinalou a rexedora. Rodríguez tamén quixo agradecer o labor de todos os efectivos. “Colaboración total da Policía Nacional coa Policía Local, Emerxencias, Bombeiros e Protección Civil, a quen lle agradezo a resposta inmediata para sufocar o lume e evitar máis danos”, subliñou a subdelegada, agardando que “as dúas persoas que resultaron feridas se recuperen o máis pronto posible”.