Skip to main content
Lugo

Unhas 11 deseñadoras de Lugo visten á boneca máis famosa do mundo e ensinan as súas creacións no MIHL

Por 19 Abril, 2024Sin comentarios

A exposición ‘Barbie: Cine e moda’ amplíase coa colaboración de 11 deseñadoras e deseñadores lucenses que amosarán os seus traballos na famosa boneca. A área de Cultura conta nesta nova exposición con Inés Penelas (Inpe), Ánxela Pardo (argalleira.art), Tina Cortón, Montse Arias, Madame Déficit, Chica de Canela, Troita de Pé, Sara Lage, Craft and Tea, Aobab e Con Amor. Todos eles ubicarán os seus traballos nunha nova mesa da exposición ubicada no MIHL ata o 1 de maio.

Trátase “da primeira exposición en todo o estado dirixida ao mundo do cine e a moda; combinando cultura, historia e diversión para todos os públicos”, explica Maite Ferreiro. As persoas asistentes poderán observar a evolución da boneca Barbie no tempo a través dos principais títulos da historia do cine, con todas as edicións documentadas e datadas, expostas en urnas de metacrilato e acompañadas de máis de 40 carteis de películas que completarán o espazo.

Na mostra destaca a vestimenta e as roupas das bonecas. Desde a súa creación Barbie foi vestida polos grandes deseñadores e deseñadoras de moda de todos os tempos: Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Christian Dior e moitas máis. “Algúns dos seus modelos podemos velos nesta exposición que conta, ademais, cun deseño realizado por Lorenzo Caprile en exclusiva para ‘Barbie: Cine e moda’, explicou Maite Ferreiro.

A vestimenta de Barbie amosa “os cambios culturais e sociais dende o seu comezo, tamén no mundo do cinema, con vestimentas máis tradicionais, ata deseños contemporáneos”, o que converteu á boneca en indicador visual das tendencias e valores de cada época. A concelleira de Cultura insiste en que “a introducción de diferentes estilos, cores e patróns crea unha maior conciencia da diversidade na moda e na sociedade en xeral”. Así, a evolución da vestimenta de Barbie non só persigue as tendencias da moda, senón que tamén reflicte cambios máis amplos na percepción da identidade.