Arredor das nove da mañá do mércores 13 de setembro, unha patrulla de especialistas na inspección de Transportes pertencentes ao Subsector de Tráfico de Lugo, que se atopaban realizando o seu labor inspector no P.K. 593 da A-8 (Behovia-Baamonde), detiveron a marcha dun camión de nacionalidade Lituana.
Ao proceder á súa verificación os axentes decatáronse da existencia dun interruptor escondido debaixo dos mandos do camión, o cal levantou as súas sospeitas e resultou ser un interruptor para alterar os rexistros do*tacógrafo. Tras revisar exhaustivamente as xornadas de traballo e os tempos de descanso chegaron á conclusión de que non coincidía o percorrido realizado co que os rexistros de medidas reflectían.
Á vista do anterior decidiron trasladar o vehículo a un taller especializado neste tipo de aparellos onde se descubriu que o interruptor activaba un electro-imán que actúa como interruptor eléctrico no cambio do vehículo facendo así que reflicta un período de descanso mentres o condutor segue conducindo.
O transporte realizábase entre Suecia e a localidade coruñesa de Padrón ao amparo dunha licenza comunitaria de transporte de mercadorías.
O condutor ademais da factura do taller tivo que facer fronte no acto a unha sanción de 2.800 euros, pois estas alteracións dos aparellos de medidas dos vehículos de transporte, tanto de mercadorías como de viaxeiros supoñen unha infracción moi grave á Lei de Transportes Terrestres.