Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Continúa aberto o prazo de solicitude de axudas para a plantación de árbores frondosas en Ribadeo

Por 20 Xaneiro, 2019Sin comentarios


Ata o 11 de febreiro está aberto no Concello de Ribadeo o prazo de solicitude de axudas para a plantación de árbores frondosas, segundo lembra nesta xornada o alcalde, Fernando Suárez, nas faixas de protección fronte aos incendios forestais.
No Concello hai un formulario para solicitar estas axudas. As persoas interesadas poden dirixirse á Área de Medio Ambiente ou ás Oficinas Xerais.
A axuda total ascende a 6.500 euros “e repartirase en función das solicitudes recibidas e da superficie afectada, tendo en conta a clase de terreo do que se trata á hora de definir o número e tipo de árbores que se poden plantar”, explica Jaime Pérez, técnico de Medio Ambiente.
As árbores que se van facilitar son: pradairos, bidueiros, freixos, castiñeiros híbridos, cerdeiras, carballos, abeleiras e nogueiras.
O rexedor lembraba hai uns días que “se trata dun paso máis tras a campaña de limpeza das faixas de protección fronte aos incendios forestais que o Concello veu desenvolvendo nos últimos meses. Queremos así recoñecer o esforzo de adaptación dos que si fixeron caso, que foron moitos, e desde o Concello queremos botar unha man na repoboación destes espazos limpos para evitar que volvan retroñar, sabendo que esta norma débese cumprir cada ano e non unha soa vez”.