Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Rivas alerta da captación de terras agrarias para plantacións encubertas de eucalipto en beneficio de Ence

Por 18 Febreiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios


Tras a comparecencia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez para explicar as previsións do seu departamento,  o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou que o actual modelo do Partido popular centrase nun modelo intensivo, de gran impacto ambiental e máis  “máis eucalipto”. O abandono do rural, dixo, é notorio e para mostra as 7.600 explotacións leiteiras das que moi poucas dispoñen de base territorial suficiente para seren sostibles.
O deputado criticou que o leite galego sexa entregado a multinacionais para a súa transformación e o pouco que queda do sector lácteo, ao albur destaS empresas. O Partido popular “nunca apostou polo sector transformador”,  lonxe de diversificar, avoga polo “monocultivo” sobre o que unha vez máis “manda ENCE”. Neste sentido afirmou que a pasteira aspira a converter Galiza nunha grande plantación de eucaliptos. Pero, a principal riqueza de Galiza, explicou o nacionalista, sigue residindo na “fertilidade do seu chan, no clima e na forza de traballo e adaptación da súa xente”.
Xosé Luís Rivas salientou que o medio rural galego continúa na senda da despoboación, o avellentamento e abandono das actividades agrarias polas política erráticas do Partido popular. Toda a riqueza agraria e gandeira, foi desmantelada en favor dunha política forestal que supera, con creces, as 300 mil hectáreas. “ O rural galego foi desmantelado para darllo a catro mangantes”, sentenciou o deputado do BNG.
Na súa intervención o parlamentario preguntou ao conselleiro  cantos concellos están a mudar o uso de terras para destinalas a  plantacións encubertas de eucalipto, “unha propaganda electoral moi valiosa para o Partido popular”. Lonxe de diversificar e seguir as pautas que marca o país, o PP aposta polo monocultivo como conplemento ás “ridículas pensións agrarias” e un acaparamento de terra agraria e un  monte sen planificación a pesar da súa grande riqueza. Neste sentido, lembrou que a ordenación do monte foi abordada polo Bloque Nacionalista galego co ex-conselleiro Alfredo Suárez Canal durante o goberno bipartito, unha planificación, dixo Rivas, que o Partido popular botou abaixo á súa chegada á Xunta. O PP,  “non ten proxecto de país e ENCE ten outro destino para este espazo”.
Finalmente, o  deputado interpelou ao conselleiro sobre axudas polos danos ocasionados polo o porco bravo, a  praga do nematodos, e os Polígonos Agrarios gandeiros e forestais sobre os que o titular de Medio Ambiente non se pronunciou. É necesario recuperar a base territorial, tanto para horta como para gando en extensivo ademais de  terra para a produción e a soberanía alimentaria, concluíu o deputado do BNG.