Skip to main content
ActualidadeFoz

En Marea insta á Xunta a a mellorar o porto de Tupide e atallar as verteduras fecais na ría de Foz

Por 18 Maio, 2019Sin comentarios

En maio de 2018 todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia, a proposta de En Marea, aprobaron por unanimidade acometer de xeito urxente as obras de dragado do Porto Chico en Foz. Un ano despois, a Asociación A Ribeira de Foz denuncia que continúa sen novidades a respecto das melloras necesarias para o peirao de Tupide, en Foz.
Por iso a deputada Paula V. Verao vén de presentar unha iniciativa para a Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, na que insta á Xunta a entrevistarse coa Asociación A Ribeira de Foz e, de acordo coa mesma, presentar ante o Parlamento un proxecto, acompañado de cronogroma e partidas orzamentarias, para acometer unha mellora integral do peirao de Tupide, en Foz, que contemple a mellora das condicións de abrigo do mesmo e unha mellora na seguridade.
A asociación citada presentara en maio de 2017 un plan de mellora para o Porto Chico diante da Consellería do Mar. Rosa Quintana, naquela altura, sinalara que se comprometeu a “estudar a posibilidade de mellorar a funcionalidade do porto deportivo de Portochico”. Destas melloras, unicamente se impulsou dende Portos de Galicia o dragado e o acceso ao novo pantalán, agardando que se renove con urxencia o firme do pantalán vello.
“O Porto Chico, ademais da dragaxe, precisa un cambio na súa configuración, para mellorar as condicións de abrigo e de seguridade”, lembra a parlamentaria de En Marea na súa iniciativa, na que engade que “a realidade do Porto Chico, ou peirao de Tupide, en Foz, que sirve de porto deportivo, orixina múltiples prexuízos, pois as embarcacións instaladas no mesmo, que pagan as correspondentes taxas polo atraque, sofren estragos durante os temporais, optando mesmo por subir a terra as lanchas ou trasladalas ao porto pesqueiro”
Fecais na ría de Foz
Verao tamén ten rexistrada unha pregunta para a súa resposta por escrito sobre as verteduras fecais da ría do Masma. “Dende hai anos, sen que as Administracións fixeran nada, o porto e a ría de Foz sufriron problemas de falta de saneamento, pois Foz sigue sin acometer o traslado da EDAR”, salienta.
Asemade, denuncia puntos de verteduras directamente á ría. “De feito, a ría leva un ano pechada ao marisqueo pola presenza de augas fecais, o que impide traballar a mariscadoras de Foz e Barreiros”.
Polo exposto, a Deputada que subscribe pregunta á Xunta:
– Que vai facer ante a presenza de verquidos de fecais na ría de Foz?
– Vai a Xunta habilitar algún mecanismo de compensación para os e as profesionais do sector do mar afectados polo peche da ría de Foz ao marisqueo?