Skip to main content
Sin categoría

CC.OO. mobilizarase contra a imputación de traballadores que participaron na manifestación de Alcoa

Por 20 Setembro, 2019Sin comentarios

Ao abeiro da lei mordaza, foron denunciadas varias compañeiras e compañeiros que o pasado 28 de marzo apoiaron en Madrid a concentración do persoal de Alcoa diante do Congreso dos Deputados. Traballadores, sindicalistas e cargos públicos recibiron as citacións xudiciais por un suposto delito de «atentado» contra a autoridade. Así o sinala o sindicato Comisións Obreiras, CC.OO.

Entre os denunciados están o secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, o presidente do comité de empresa de Alcoa-A Coruña, Juan Carlos López Corbacho, así como outros dous traballadores afiliados a CCOO. En canto a cargos públicos, están denunciados os deputados e deputadas de Unidas Podemos Rafa Mayoral, Antón Gómez Reino, Ángela Rodríguez e Yolanda Díaz, segundo especifica o sindicato.

Comisións Obreiras (CCOO) anuncia concentracións para os próximos días, cadrando coas comparecencias xudiciais. Serán o 24 de setembro, ás 11:00, diante dos Xulgados da Coruña, e o 8 de outubro, tamén ás 11:00, diante dos Xulgados de Ferrol. 

CCOO lamenta esta «persecución» e nega o delito que se lles atribúe ás persoas denunciadas, xa que as numerosas imaxes demostran que non opuxeron resistencia ningunha, nin a identificarse nin cando comezaron as «desproporcionadas» cargas policiais. 

Por último, CCOO lembra que «defender a clase traballadora non é delito» e esixe que o Goberno que saia das urnas o vindeiro 10 de novembro se comprometa a derrogar a lei mordaza, que desde a súa creación só está a servir para castigar e criminalizar toda forma de protesta social.