Skip to main content
MondoñedoO VicedoZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Mondoñedo e O Vicedo presentan na 21 edición de Xantar

Por 3 Febreiro, 2020Sin comentarios

Mondoñedo e O Vicedo presentarán na 21 edición de Xantar, que se celebrará en Ourense dende o 5 ao 9 de febreiro, dous dos recursos naturais máis destacados cos que contan estes dous municipios. Trátase, no primeiro caso, da Cova do Rei Cintolo e, no segundo, do Fuciño do Porco.

A alcaldesa mindoniense, Elena Candia, destaca que se trata “dunha oportunidade extraordinaria  para dar a coñecer o gran potencial turístico, gastronómico, patrimonial e paixasístico dos nosos municipios”. E é que Xantar é a única feira internacional de Turismo Gastronómico que recolle o catálogo oficial de Feiras Comerciais Internacionais españolas que publicou a Secretaría de Estado de Comercio do ministerio de Economía, Industria e Competitividade no BOE 313 do 28 de decembro de 2018.

Coa súa presenza e participación, estes dous municipios darán a coñecer neste encontro os seus recursos naturais e turísticos máis emblemáticos. “Será un escaparate do noso”, afirma Candia, pois ao longo destes 20 anos, esta feira é un reclamo para aquelas persoas, colectivos, entidades e profesionais interesados nos produtos agroalimentarios de calidade, a elaboración e o servizo profesional, converténdose así nun referente para os destinos enogastronómicos máis punteiros tanto de España como de Portugal. Esta diferenciación atrae, ademais, a outros participantes internacionais, fundamentalmente de Iberoamérica, e  permite crear redes de cooperación en materia de gastronomía e turismo sostible e saudable.

Elementos en común

Os dous municipios participan conxuntamente nesta iniciativa porque, ademais de ser “unha aposta pola xestión sostible”, comparten elementos comúns. “O Fuciño do Porco é a entrada no mar e, a Cova, a entrada na terra”, subliña a rexedora mariñá.

Ambos os dous recursos están a experimentar unha alta demanda, contando cada vez con máis visitantes. No caso da Cova, cun desenvolvemento interno de máis de 6.000 metros de galerías, preséntase como un complexo kárstico único en Galicia. Co fin de potenciar esta riqueza, o Concello habilita dende marzo a decembro un servizo de visitas guiadas, que se establecen en tres quendas: 12.00 horas, 17:00 e 18.30 horas.

O Fuciño do Porco, coñecido con este nome pola forma que se presenta ante os mariñeiros da zona que o avistan dende o mar, é un pequeno saínte costeiro entre as praias de Area e San Román. Oficialmente denomínase Punta Socastro e ofrece unhas vistas espectaculares e únicas do Cantábrico.