Skip to main content
Actualidade

O BNG das Pontes critica a atención pediátrica no centro de saúde

Por 29 Febreiro, 2020Sin comentarios

“Dende o BNG das Pontes queremos facer chegar a nosa repulsa ante a situación de indefensión na que nos atopamos as veciñas e veciños a respecto do tratamento que fai o Sergas, nomeadamente a Xerencia Sanitaria de Ferrol, diante das substitucións por vacacións e/ou baixas das profesionais do Centro de Saúde”, así pronunciáronse os representantes naconalistas neste Concello nunha valoración do estado no que se atopa o sistema sanitario.

Segundo explicaron a baixa da pediatra a finais do mes de xaneiro supuxo que as nenas e nenos pontesas, máis de mil, tiveran que ser atendidas por médicas de familia, ou remitidas, segundo o caso, ao Centro de Saúde Fontenla Maristany, en Ferrol, (xa con anterioridade no Nadal e ante a falta da pediatra por vacacións foron remitidos a Pontedeume).

Engaden tamén que a comunicación desta situación irregular non se lle fixo ao Concello de xeito directo até días despois da baixa da profesional, “mais eran as familias as que se atopaban co adiamento ou anulación de citas no mesmo momento, no mostrador do centro”.

“Logo de anunciar  a Xerencia Sanitaria de Ferrol que a praza  ía ser  cuberta despois dunha semana sen servizo, estamos a evidenciar un funcionamento con parches: quendas de mañá e tarde, distintas profesionais, e sen garantía de atención por unha especialista en pediatría”, din.

O BNG das Pontes, mediante o seu Grupo Municipal e desde o inicio do problema, “ten demandado do goberno municipal un compromiso firme diante do Sergas contra dos recortes de profesionais da saúde na  vila, máis evidentes e preocupantes na actualidade no relativo á atención pediátrica, pero máis amplas e contínuas nos últimos anos”.

Os nacionalistas lembran “a desaparición da segunda praza de Pediatría”, da praza de Xinecoloxía, a non substitución de baixas e vacacións das médicas de familia “que provoca listas de agarda de máis dunha semana”, …, feitos que teñen denunciado en numerosas ocasións diante do goberno municipal nos plenos, e polo Grupo Parlamentario diante da Consellaría de Sanidade no Parlamento de Galiza.

“Na súa resposta ás reclamacións das usuarias do servizo de Pediatría, a Xerencia Sanitaria de Ferrol afirma que neste mes de febreiro o servizo está restabelecido case todos os días, mentira recoñecida pola propia Xerencia no mesmo escrito xa que o 30% dos días non haberá profesional algunha atendendo o servizo”, engaden e aseguran que as urxencias pediátricas das tardes aínda habendo pediatra no centro de saúde non son atendidas pola pediatra senón por unha Médica de Família en Urxencias.

“Xa está ben de recortes, da falta de recursos, da non convocatoria de prazas, da perda de capacidade resolutiva nos propios Centros de Saúde,.., en definitiva, da política sanitaria do PP de empeorar a Sanidade Pública para favorecer un cambio de modelo na atención sanitaria que ten como fin a privatización do servizo”, din.

Subliñan que queren que se manteña a praza de Pediatría nas mesmas condicións de antes. “E non imos consentir que os nenos das Pontes teñan que pagar a mala xestión dos recursos públicos que fai o PP”.