Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Viveiro non cede as instalacións para o Resurrection Fest XS

Por 13 Agosto, 2020Sin comentarios
O Concello de Viveiro tomou a decisión de non otorgar a cesión das instalacións municipais para a celebración do Resurrection Fest, co único obxectivo de preservar a seguridade e saúde da veciñanza.
O Concello de Viveiro apoia desde a súa fundación este festival de música e traballará desde mañá mesmo para poder celebrar a edición de 2021 nas mellores condicións posibles, pero nesta ocasión, e tendo e conta a situación actual da crise do coronavirus e a opinión maioritaria dos veciños e veciñas, decidiu non autorizar a cesión do espazo para a súa celebración.
O festival presentou a finais de xullo o novo formato reducido do festival, e aínda que nun primeiro momento o concello considerou acertadas as medidas de seguridade a aplicar dentro do recinto, despois de darlle moitas voltas, tal e como require a situacion actual, tendo en conta os riscos que poderían darse no exterior do recinto e ante a evolución da situación sanitaria decidiu non outorgar a autorización, aínda en tramitación xa que se solicitou o luns, día 10 de agosto.
O grupo de goberno explica que o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados, pero si no exterior, nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival, nos que non sería posible garantir a seguridade.
“É unha decisión complicada e difícil, tomada despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións, pero para o concello o primeiro é a seguridade da veciñanza, vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

A organización do festival comunicou que “lamentan comunicar que o Concello decidiu retirar o permiso á realización do noso ciclo de concertos seguros en Celeiro. Non entendemos para nada a decisión, cando estamos a propoñer a alternativa cultural máis segura que se poida facer hoxe en día, e cando levan realizando eventos similares durante meses en toda España con todas as medidas de seguridade e previsión posibles. Sen ir máis lonxe, todos os festivais da marca Fest Galicia puideron realizar os seus ciclos de concertos seguros con aforo reducido sen problema, como son o Atlantic Fest, Ribeira Sacra, Sen Sal, ViveNigrán, SonRias Baixas ou Atardeceres non Gaias, menos nós, o Resurrection Fest, e considerámolo inxusto e desproporcionado. Durante 15 anos, o noso público foi sempre un exemplo de civismo, desde cando eramos 1000 persoas ata o de agora cando somos máis de 100.000”.