Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Francisco Iriarte: “Os nosos proxectos son dixitalización, promoción e dinamización”

Por 17 Agosto, 2020Sin comentarios

Franciso Iriarte dirixe estes últimos e difíciles anos para o comercio Acisa Ribadeo, unha entidade que ten como obxectivo impulsar a economía da zona e conta con 30 anos de historia. O seu éxito e implicación o amosa o feito de que conta xa con 170 asociados, de todos os sectores, comercio, hostalaría, servizos e industria.

Que porcentaxe dos comercios ribadenses está asociada?

Estimamos que Acisa Ribadeo representa aproximadamente o 75% das empresas de Ribadeo. Nuns sectores con maior presenza que noutros; no comercio podemos estar a representar o 70%, na hostalaría o 80%, nos hoteis o 85% e en servizos e industriais entre o 60% e o 65%.

Que vantaxes ofrece estar en Acisa?

Son moitas e é difícil enumeralas. De xeito resumido, Acisa Ribadeo garante aos seus asociados estar informado de todos os cambios normativos en todos os sectores; e tamén das axudas de todas as administracións, algo de vital importancia para as empresas. Tamén garante participar nas campañas de dinamización tanto de comercio coma de hostalaría tendo así un reclamo para atraer á clientela, gracias a sorteos de grandes premios á organización de xornadas gastronómicas e moitas outras. Tamén sendo socio benefíciaste de ofertas especiais e convenios de colaboración, por exemplo con entidades bancarias, para reducir as comisións ou con mellores condicións de financiación, descontos en combustible en gasolineiras, descontos na factura da luz, preciso especiais en envío de paquetes. Tamén podes desfrutar de materiais gratuítos. E por suposto de promoción e publicidade.

Como afrontaron o coronavirus? E que consecuencias tivo?

Afróntase con dificultade pero adaptándonos segundo a segundo para ofrecer o mellor de nós. Supuxo ter que informar aos socios durante dous meses de todas as novidades que se producían, facelo dende a casa a través de ordenador ou do telefono móbil. Supuxo ter que cambiar os nosos costumes, cancelar toda a programación prevista para este ano para adaptarnos á nova realidade; cambiamos os concertos de verán por xel e máscaras, o cartel de indianos por carteis con normas… e así moito máis, pero é o que nos tocou vivir.

Cales son os proxectos de futuro?

Dixitalización, promoción e dinamización. Queremos facer a Ribadeo referente na dixitalización dos seus negocios, para iso temos en funcionamento a nosa App e esperamos que para finais de verán teñamos en marcha a plataforma de venta online, non só con servizos para comercio se non que poida ser útil para hoteis e restaurantes. Temos a obriga de manter a Ribadeo coma referente turístico, con campañas publicitarias da localidade, non só de turismo vacacional, se non de turismo de ocio e compras, esas vistas dunha mañá, dun día ou dunha fin de semana, na que veñen coñecer Ribadeo, comer nun restaurante do porto e cear na vila, e de paso mercar un agasallo nos nosos comercios; especialmente dirixido a Galicia e Asturias. E como non, dinamizar Ribadeo, esperamos poder de aquí a final de ano, facer algunha campaña para premiar a fidelidade dos nosos clientes con grandes premios. Todo isto esperámolo poder completar cun proxecto que implicaría a entrega gratuíta de materiais a socios, e maior promoción da vila. E agora tamén Ribadeo seguro;  a iniciativa coa que queremos reforzar a confianza da clientela nos nosos negocios; mediante un certificado que acredita os nosos establecementos como lugares seguros, onde se coñecen e compren todas as normas.

Cales son as iniciativas máis habituais?

As principais actividades ou iniciativas que nun ano común facemos  son as de dinamización e publicidade,  especialmente a campaña de Nadal, onde desde fai varios anos vimos celebrando a festa do comercio con sorteos de hasta 4.000 euros e onde ademais nos últimos anos en colaboración co Concello facemos de Ribadeo un referente comarcal con actividades como foron a pista de xeo ou Ribaxogo. Hai outras citas que sempre se manteñen, a campaña do día do pai, da nai e dos namorados; xunto co Concello dende fai seis anos o Ribadeo Indiano, as múltiples colaboracións que facemos dende Acisa co Entroido, Semana Santa, os campionatos de veteranos da SD e moitos outros. Outra especial é que ninguén ten é o Domingueo en Ribadeo que dende fai anos levamos a cabo para promocionar a singularidade do comercio de Ribadeo, que pode abrir todos os domingos do ano.

Que necesidades ten o sector?

A día de hoxe as necesidades esencialmente son as de axudas, axudas das administracións para paliar as perdas que sufrimos. Non só se trata de préstamos que sen dúbida son unha axuda, pero a realidade é outra; fan falta moratorias de alomenos dous anos nos pagos de préstamos tanto hipotecarios coma de empresas ou persoais; moitos acoden a préstamos persoais para inxectar cartos nos seus negocios; axudas fiscais e aplanamentos de impostos; e liñas especiais de subvencións, que non haxa que tributar por elas coma ingresos o ano que vén e  accesibles a todos os negocios.

Que fai distintivo ou por que destaca o comercio ribadense?

Sen dúbida o comercio e a hostalaría caracterízanse pola súa calidade, os comercios de Ribadeo sempre traballaron boas marcas e moi boa calidade, e ademais coa peculiaridade que sempre podes encontrar algo axustado ao prezo que buscas. Agora ademais ofrece seguridade, todos os negocios están adaptados ás normas e moitos deles van estar certificados co selo Ribadeo Seguro. A cercanía co cliente tamén é un valor fundamental, temos unhos negocios que tratan ao cliente como se fora da casa, dándolles todas as facilidades. É algo tamén moi singular, e que probablemente nos diferencia do resto da comarca e a propia clientela, Ribado conta con fortes vínculos con Asturias, laborais e familiares e iso fai que máis do 65% dos nosos clientes sexan veciños do Principado.