Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba leva ao Pleno unha proposta para destinar o remanente a medidas sociais e investimentos no rural

Por 13 Agosto, 2020Setembro 8th, 2020Sin comentarios

 O Concello de Vilalba celebra mañá, venres 14 de agosto, un pleno extraordinario cun único punto na orde do día: o destino de máis dun millón de euros do remanente de tesourería municipal do ano 2019.

Unha vez pechadas as contas, o grupo de goberno local quere destinar o remanente a axudar aos autónomos, pemes e familias más afectadas pola pandemia; haberá tamén unha partida para medidas sociais e outra para investimentos no rural e nas parroquias.

“Todas as partidas son para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Vilalba, con novos servizos e infraestruturas e un plan de reactivación moi necesario pola actual crise económica e sanitaria”, afirma a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, que considera que “os partidos da oposición terán mañá a oportunidade de apoiar esta proposta para beneficio do conxunto da veciñanza, tendo como prioridades as familias e negocios que máis o necesiten e unha forte inversión no rural.”.

En concreto, a proposta de uso do remanente inclúe destinar 500.000 euros ao plan de reactivación da economía local e familiar debido á crise do coronavirus, unha partida que irá aos sectores que sufriron en maior medida os efectos do confinamento e o estado de alarma.

No apartado de investimentos en infraestruturas, cunha partida conxunta de 377.800 euros, o grupo de goberno propón unha obra na Frouxería (103.000 euros); 68.000 euros para un aparcadoiro subterráneo; 48.000 euros para o saneamento de Campomaior-Samarugo; 13.000 euros para melloras en pistas de O Casal-Santaballa; 11.000 euros para a pista de Trufas-Santaballa; 27.000 euros para obras en pistas de Vilasuso-Santaballa; 4.000 euros para traballos nunha pista de Ribeira-Santaballa; 90.000 para a rexeneración de vías municipais de Árbol e Codesido; e 13.800 euros para a pavimentación do vial 065-005, entre LU-120 e o Concello de Vilalba.

Por outra parte, o concello quere destinar 30.000 euros a unha subvención para o centro que traballa en Vilalba con persoas discapacitadas para a adquisición dunha furgoneta con adaptador e outros 147.000 euros.

Consulta a proposta en detalle neste enlace