Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Deputación reclamará a Xunta a desinfección dos centros educativos

Por 30 Setembro, 2020Sin comentarios

A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que asuma as labores de desinfección derivadas da pandemia da Covid-19 nos centros educativos porque, segundo o Estatuto de Autonomía, ten as competencias tanto en materia educativa, como sanitaria. Así se decidiu na sesión ordinaria do pleno provincial do mes de setembro celebrada hoxe a través dunha proposta presentada polo Goberno provincial, na que se abstivo o PP.

O Deputado de Cooperación cos Concellos, Xosé María Arias, asegurou que os concellos “están asfixiados por un problema de xestión autonómica, asumen custos de desinfección dos centros de ensino e non teñen medios nin información sobre como proceder”, asegurou. “A Xunta xoga a camuflar as competencias de desinfección nas de limpeza, que son moi diferentes, como se a desinfección específica derivada das necesidades dunha emerxencia sanitaria puidese asimilarse ás tarefas de desinfeccións asociadas á actividade normal dos comedores escolares ou limpeza de aseos”, manifestou o Deputado.

Arias amosou o rexeitamento do Goberno da Deputación pola improvisación, falta de diálogo e a atribución de competencias impropias aos concellos na aplicación do protocolo Covid-19 no ensino. “É necesario que a Xunta de Galicia abra un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co fin de resolver os problemas derivados do protocolo, elaborado de maneira unilateral pola Xunta”. O Pleno tamén instou á administración autonómica a presentar un plan estratéxico sobre como empregar os 93M€ que recibirá do Estado a través do fondo Covid.

Camiño do Mar
Aprobada por unanimidade unha proposta do Grupo Provincial Socialista para solicitarlle á Xunta de Galicia que recoñeza o carácter oficial como ruta Xacobea do coñecido como Camiño do Mar, que discorre polos municipios de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, e prosigue polos coruñeses de Mañón, Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño e Narón ata Neda.

A Deputada María Loureiro asegurou que esta “é unha nova mostra de desidia do Goberno autonómico cos municipios da Mariña, porque hai 10 anos que dende a Deputación instamos por unanimidade a que se fixera este recoñecemento e tamén houbo outra iniciativa no Parlamento que se aprobou co apoio de todos os grupos no mesmos sentido. Unha década despois non se fixo nada”. Loureiro engadiu que “este recoñecemento serviría para reactivar a economía dos municipios que está tan afectada logo dunha etapa difícil e que lle permitiría entrar nos fluxos turísticos do Ano Santo”.

Esta oficialización, explicou a Deputada, serviría como unha ferramenta de modernización e dinamización do turismo tanto de pegada nacional como internacional. “É o momento de implicarse coa comarca, sería un xesto moi acaído e necesario para apoiar o turismo e a cultura dos concellos mariñáns, que están atravesando momentos moi difíciles pola Covid-19 e pola situación de Alcoa”, manifestou Loureiro.

Ampliación dos prazos do Plan Único 2019
A Corporación provincial aprobou por unanimidade ampliar os prazos de execución e xustificación do Plan Único 2019. “Queremos entender as necesidades dos concellos, ser comprensivos, e ser realistas coa situación que estamos a vivir, por iso decidimos flexibilizar os prazos para que lles dea tempo a executar e xustificar”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

O prazo de execución queda establecido no 31 de outubro do 2020 e o de xustificación no 15 de novembro de 2020.

Cesión de vías provinciais
O Pleno da Deputación tamén lle deu o visto bo á cesión de vías provinciais aos concellos da Pontenova, Xermade, Ribeira de Piquín e Lugo. No caso da Pontenova, pasa a ser de titularidade municipal a estrada LU-P-4805, que une Boulloso con Dodrín e Figueirúa, debido a que comunica estes tres núcleos de poboación da parroquia de Conforto sen continuidade cara outros núcleos, nin comunicando con ningunha outra estrada que non sexa municipal.

En Xermade, a Deputación cede un pequeno treito da LU-P-2209 de Cabreiros a Touza, na intersección coa estrada LU-861. No caso de Ribeira de Piquín, cámbiase a titularidade da vía LU-P-5403, que vai de Santalla a Piquín. E en Lugo, cédense dous treitos dos viais das estradas provinciais LU-P-2902 e LU-P-2924, pois teñen vocación de converterse a curto prazo en estradas de carácter urbano.

PP

O portavoz popular, Javier Castiñeira, criticou a decisión do equipo de goberno de non apoiar a  proposición que presentou o seu grupo para solicitar a rebaixa do prezo do solo industrial nos polígonos que xestionan na provincia a Entidade Pública Empresarial de Suelo (Sepes) e Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). Castiñeira manifestou: “O obxectivo era que tanto Sepes como Sea, que son sociedades estatais, establezan bonificacións para o solo industrial que teñen na nosa provincia (cinco polígonos en total), porque a día de hoxe teñen prezos bastantes caros, moito máis caros que os de Xestur (Xunta de Galicia), que si está a facer os seus deberes. Cremos que o actual é un momento no que se necesita iniciativa empresarial e motivar aos nosos emprendedores; cremos que na provincia de Lugo debemos empezar por rebaixar o prezo do solo industrial no que ten participación o Estado para fomentar a instalación de empresas”.