Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Viveiro mantén o seu compromiso co deporte local

Por 10 Outubro, 2020Sin comentarios

O Concello de Viveiro asinou catorce convenios con asociacións deportivas do municipio para a concesión de subvencións nominativas por un importe conxunto de 50.600 euros, mantendo un ano máis o seu apoio e compromiso co deporte.

“O fomento dos hábitos saudables e a práctica deportiva son unha prioridade para o noso grupo de goberno, por iso apoiamos actividades destinadas a todas as idades”, asegura María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

A situación actual derivada da pandemia da COVID determinou, en gran medida, os orzamentos municipais do presente ano, obrigando a reaxustar partidas e establecer medidas extraordinarias destinadas a paliar as consecuencias da crise, como é o caso do Plan de Reactivación Económica.

A pesar destas circunstancias, o goberno municipal mantivo a concesión destas subvencións directas, destinadas a gastos da temporada no ano 2020, das que se beneficiarán o Club Balonmano Viveiro; o Club Ciclista Viveiro; o Club de Xadrez San Roque; o Club de Piragüismo Viveiro; o Viveiro CF; o Viveiro SD; o Club Baloncesto Viveiro; a ACD Penalba-Club de Remo de Celeiro; a AD San Roque; o Club de Gimnasia Rítmica; o Viveiro Surf Family; o Club de Vela de Viveiro; o Club Egovarros e o Rugby Asterix.

No ámbito deportivo cabe lembrar tamén que, grazas á Deputación de Lugo, dentro do Plan Único 2019 o goberno municipal executou importantes melloras no pavillón municipal. Substituíuse o pavimento do pavillón por un importe de 134.000 euros.

Ademais, grazas ao remanente desta subvención, dotouse o pavillón de equipamento deportivo, por un importe de 7.013,40 euros, e executáronse obras de mellora da instalación eléctrica e dotación de luces led, por importe de 26.079,15 euros.

“Dentro das nosas posibilidades, temos que renovar de forma constante as infraestuturas deportivas, para adaptalas e telas sempre nas mellores condicións”, engade Loureiro.