Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Foz acondiciona unha senda peonil e para bicicletas

Por 20 Outubro, 2020Sin comentarios

O Concello de Foz está acondicionando con medios propios unha senda peonil e para bicicletas baixo a estrada  Nacional 642 na parroquia de Nois, que servirá de conexión entre o paseo marítimo da praia de Arealonga e o camiño a Lousada.

O alcalde, Fran Cajoto, que supervisou as obras xunto co concelleiro Javier Fraga, explica que “o Concello de Foz continúa a promover a mobilidade sostible e a favorecer a práctica de deporte ao aire libre e as rutas seguras para peóns. É por isto que se está procedendo a  acondicionar un camiño existente baixo a N-642, na praia de Arealonga. Agora mesmo ese vial estaba impracticable, coas cunetas aterradas, sen desaugues e cheo de broza e maleza. O obxectivo é facilitar un camiño seguro para cruzar a N-642 neste punto, aproveitando o paso inferior existente baixo a estrada nacional. Non é un investimento de gran contía, pero si servirá para aumentar a seguridade vial entre os veciños de Nois que opten por este punto para cruzar a estrada”.

O rexedor municipal engade: “sabemos que no contexto actual de pandemia son moitas as persoas que utilizan os paseos marítimos e a Ruta do Cantábrico para facer deporte ao aire libre, ben sexa en bicicleta ou a pé. A alternativa dun cruce seguro baixo a N-642 permite continuar camiño desde a praia de Arealonga ao mirador da Capela da Concepción, en Lousada, desde o que temos unha magnífica perspectiva do Cantábrico e do Golfo do Masma, podendo divisar nun día claro incluso Tapia de Casariego, en Asturias”.