Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O Concello de Ribadeo pide axuda á Deputación para o arranxo dunha estrada

Por 29 Outubro, 2020Sin comentarios

O Concello de Ribadeo demanda axuda á Deputación de Lugo para poder levar adiante o arranxo da estrada dos Garitos, que discorre paralela á vía de Feve, tras o silencio e a falta de apoio da Xunta de Galicia. O proxecto e os permisos correspondentes están listos. O investimento necesario é de 360.000 euros. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, e a deputada de Medio Rural, Mónica Freire, visitaron a estrada dos Garitos, acompañados dos concelleiros de Medio Rural e Desenvolvemento Local, Jesús Mundiña e Pablo Vizoso.

O rexedor ribadense declarou que “logo de constatar a mala e a perigosa situación deste vial dos Garitos, que dá saída a moitísimo tráfico pesado, especialmente de madeira das parroquias do interior do concello, e despois de ver como é fonte de dialéctica política nestes últimos anos, e que incluso o PP de Ribadeo se volveu un paladín da súa defensa chegando a asegurar nun pleno de febreiro deste ano que os cartos para amañar este vial habían chegar a cano libre ao Concello. E logo de que o pleno da Corporación de maneira unánime dos tres grupos municipais lles pedíramos á Xunta de Galicia o compromiso económico que demandan os seus compañeiros de partido aquí en Ribadeo, e llelo fixemos chegar en varias ocasións ao longo deste ano, finalmente, como noutras moitas cousas, pois nada, tivemos un silencio clamoroso ata o día de hoxe”.

O alcalde sinalou que “o certo é que o problema segue aí, polo que agora co proxecto xa redactado polos técnicos municipais, que ascende a nada máis e nada menos que 360.000 euros de custo, cos permisos tamén sobre o vial na nosa man, decidimos pedir auxilio económico á Área de Medio Rural da Deputación de Lugo para que atendan as nosas peticións que son, en definitiva, as peticións de todos os veciños e veciñas de Ribadeo. Aquí sen tanto aspavento, sen tanta hiperventilación e sen tanta demagoxia política, estou seguro que han cumprir”.

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, dixo que “desde a Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo entendemos a necesidade que ten o Concello de Ribadeo de amañar este vial, que ademais está a ser moi empregado polo tráfico pesado de transporte de madeira cortada do sector forestal, sobre todo das parroquias do interior, e que sae por esta rúa paralela á vía de Feve. Hoxe puidemos ver in situ a situación lamentable na que se atopa e evidentemente require de actuacións de mellora. Nós, desde a Área de Medio Rural que eu dirixo, e ante o incumprimento das promesas por parte da Xunta de Galicia, imos intentar dar solucións a esta necesidade que o Concello de Ribadeo nos transmite”.