Skip to main content
ActualidadeMuras

O alcalde de Muras critica o decreto madeireiro aprobado pola Xunta

Por 16 Outubro, 2020Sin comentarios

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo mostrou o seu malestar co novo Decreto de aproveitamentos madeireiros aprobado pola Xunta de Galicia explicando que “modificaron o Decreto en pleno confinamento pola porta de atrás. Os veciños están molestos porque quedaron desamparados novamente pola Xunta de Galicia e isto lles está creando problemas serios”.

Segundo aclara, a Xunta de Galicia aprobou en abril deste ano o Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no DOG do 20 de maio, e que vén a substituír o anterior Decreto 50/2014.

O novo Decreto establece no artigo 55.6 que “A recolla de cogomelos nas modalidades definidas neste capítulo como para consumo propio ou con fins científicos ou didácticos pode efectuarse sen necesidade de autorización por parte da persoa propietaria nos montes ou terreos forestais de xestión privada, sempre fóra da superficie obxecto de acoutamento”, introducindo con este novo texto segundo Requeijo, “o desleixamento dos propietarios de fincas con gando”.

Foron varios os veciños que estes días lle trasladaron ao alcalde o gran malestar provocado pola cantidade de xente que se aproveita de recoller cogomelos en Muras. “Os problemas que xeran son varios, e algún deles con consecuencias sanitarias serias”, di.

“En primeiro lugar, hai recolledores que deixan os peches das fincas abertos, correndo o risco de que os animais saian ás estradas e orixinen accidentes de tráfico, ademais do traballo que dá volver a recollelos.  En segundo lugar, a xente vai pisando a herba, e en consecuencia o pasto queda estragado, pois o gando non a come nin se pode aproveitar. Por último, os veciños mostráronse preocupados pola posible transmisión de enfermidades, xa que hai parroquias onde o gando vacún aínda permanece en corentena polo brote de tuberculina, e se a xente vai de finca en finca, poden transportar dita enfermidade, empeorando a situación sanitaria animal. Toda esta problemática dificulta aínda máis o traballo dos labregos no medio rural”, explica.

Manuel Requeijo manifestou que “o PP con esta medida deixa novamente tirados aos veciños que viven no rural, modificando o Decreto ás agochadas”. O rexedor engadiu que “Sabemos que non todos os recolledores de cogomelos actúan temerariamente, pero os veciños non poden estar vixiando as fincas as 24 horas, e os problemas que provocan son serios”. Por último, Requeijo engadiu que “Seguimos esperando por unha solución da Xunta pola problemática dos ataques dos lobos ao gando doméstico, agora veñen con este Decreto que autoriza a recoller cogomelos nas fincas privadas, a burla do Partido Popular á xente do rural non ten límites”.