Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Un bono apoiará a afluencia de público ás obras culturais de Ribadeo

Por 25 Novembro, 2020Sin comentarios

Un bono apoiará a afluencia de público ás obras de entrada máis cara da programación cultural de Ribadeo do vindeiro mes de decembro. A concelleira Pilar Otero subliñou que “en concreto, serán dúas funcións, as dúas concibidas para que vaia ao auditorio municipal toda a familia. Unha de danza, aproveitando a afección que crea a alta matrícula na área de Danza da Escola de Música, e outra de circo. As persoas que compren entradas para os dous espectáculos verán reducido o importe nun 20%”.

A edil de Cultura sinalou que “Mucab Dans, compañía catalá que nace entre Barcelona e Girona presenta Bowling na ponte de decembro, concretamente o día 5, sábado. Trátase dun espectáculo visual, poético e innovador, onde a danza, a música en directo e a tecnoloxía nos convidan a voar por un mundo fantástico, máxico e absurdo. Pola súa banda, a compañía granadina Vaivén Circo, que obtivo un Premio Nacional nesta disciplina en 2016,  presenta en Ribadeo o 30 de decembro a montaxe Esencial. Estamos a falar dun proxecto espectacular cunha posta en escena inspirada no Arco da Vella de Waldorf, xoguete composto de piares e arcos que propician un xogo escénico incríbel”.

Pilar Otero engadiu que “a maiores, na programación cultural do Concello de Ribadeo para esta recta final do ano 2020, haberá teatro para público adulto coa peza premiada cos María Casares á mellor dirección e adaptación, O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia; teatro afeccionado para público infantil, unha delas co grupo de teatro da Asoc. A Mariña de Axuda ao Enfermo Mental, que por vez primeira estrean en Ribadeo; a actuación da compañía de Mondoñedo Mircromina Títeres e  o concerto de Mamá Cabra”.

A concelleira ribadense dixo que “esta é a programación cultural que organiza o Concello acolléndose ás axudas da Consellería de Cultura da Xunta de Galiza, do  Ministerio de Cultura e da Área de Cultura da Deputación de Lugo”.