Skip to main content
ActualidadeFoz

O Concello de Foz adxudica o contrato de mellora de viais en núcleos rurais

Por 26 Novembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Foz continúa coa política de mellora de infraestruturas nas distintas parroquias do municipio. Dentro do plan de mellora de infraestruturas rurais, o alcalde, Fran Cajoto, anuncia a adxudicación das obras de acondicionamento de viais e camiños con cargo ao Plan Único 2020 da Deputación. Cun presuposto de licitación de 53.500 euros, as obras de mellora adxudicáronse finalmente por un montante total de 44.000 euros.

“Non podemos esquecernos do rural, o concello abrangue algo máis de 100 quilómetros cadrados de territorio e fóra do casco urbano vive máis do 40% da poboación do municipio”, destaca Fran Cajoto, quen explica que “as actuacións a realizar pódense resumir na mellora dos viais existentes, sobre os que se actuará limpando e adecentando as cunetas, dispoñendo un novo firme de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor e colocando toda a sinalización vertical necesaria, procedendo tamén ao pintado das dúas marxes en toda a lonxitude dos camiños a renovar”.

O rexedor municipal engade: “somos conscientes de que os detalles son tamén importantes e que as obras deben rematarse completamente, aínda que non se executen tantos quilómetros. É por iso que nas obras deseñadas desde que iniciamos o goberno se recrecen todas as arquetas e se realiza unha sinalización completa, prestando especial atención á sinalización dos cruces entre viais, onde se poden producir a maioría dos accidentes graves”.

O alcalde especifica os viarios onde se actuará:

  • Camiño de subida a Mourente desde a estrada LU-P-2001, na parroquia de San Martiño, cunha lonxitude de 360 metros de actuación.
  • Camiño entre Vilarmea e A Rúa, en Fazouro, con 165 metros de lonxitude.
  • Camiño da Vía, en Cangas, no que se renovará o firme en 105 metros de lonxitude.
  • Núcleo de Carpacide, en Nois.
  • Renovación da barreira de contención e sinalización na ponte do Río Ouro no vial entre Teixeira e Trasmonte, en Santa Cilla.

Sobre esta última actuación, Cajoto indica que “a actual baranda da ponte atópase nun pésimo estado, o que podería provocar un accidente moi grave se un vehículo se saíse da vía”. E remata: “somos conscientes de que hai moitas actuacións pendentes, pero estes arranxos sumados a traballos anteriores permítennos avanzar no sentido correcto”.