Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXARibadeoTrabada

A Deputación estuda o plan de vacinación nas residencias de maiores

Por 24 Decembro, 2020Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

A Deputación estuda o plan de vacinación nas residencias de maioresO presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou este mércores un comité de seguimento dos cinco centros de maiores de titularidade provincial co fin de abordar e avaliar a súa xestión ante a crise sanitaria da Covid-19 e concretar a liña de traballo a seguir para afrontar con éxito o Plan de Vacinación da Covid-19.

Na reunión de traballo, celebrada de maneira presencial na Salón de Actos da Deputación e con algúns membros conectados por vía telemática, participaron ademais do Presidente, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, as directoras dos cinco centros (Trabada, Pol, A Fonsagrada, Ribadeo e Castroverde), a xefa do servizo de Benestar Social e Igualdade, e diferentes traballadores e traballadoras desta área provincial.

No encontro, Tomé Roca trasladoulle a cada unha das directoras e ao equipo técnico, que a institución provincial se pon á súa disposición xunto cos medios técnicos e humanos que sexan necesarios para afrontar “a campaña de vacinación que comezará a semana que vén, segundo nos notificaron as autoridades sanitarias, coa máxima seguridade posible, tanto para os traballadores como para os usuarios, baseándonos na información, a transparencia e a colaboración”.

O presidente incidiu en que “a Deputación amosa a súa máxima colaboración coas autoridades sanitarias, como vimos facendo en todo momento, para que o proceso se desenvolva con éxito”, subliña. “É moi importante manter estas reunións para analizar as particularidades e situacións que se están dando en cada un dos centros, queremos actuar en base a cuestións firmes e escenarios reais”, explica o Presidente. “Tanto as directoras dos centros, como todo o persoal, un centro de traballadores e traballadoras, están facendo un labor excepcional, con moita dedicación e compromiso”, recalcou.

O mandatario provincial destacou que a reunión entra na política de previsión e anticipación que a institución implantou nas residencias, incluso antes de que se decretara o primeiro Estado de Alarma. “Temos claro que hai que intentar estar prevenidos e preparados para as diferentes situacións que se poidan dar, neste caso, sabendo que será a semana que vén cando se inicie esa campaña e os nosos maiores serán vacinados nesta primeira fase”.

Información para as persoas maiores e as súas familias

Estes días previos ao inicio da campaña, persoal sanitario provincial preparou uns vídeos divulgativos para explicar o proceso e resolver as principais dúbidas que poidan xurdir ao respecto. Proxectaranse nas residencias para que todos os usuarios e usuarias saiban en que vai consistir, e faránselle chegar tamén ás familias, co obxectivo de que teñan a máxima información posible ao respecto.

O presidente insistiu en que a crise da Covid-19 demostra que o modelo asistencial público e de proximidade polo que aposta a Deputación achega “un plus de calidade na atención aos usuarios e de tranquilidade para as familias, xa que son centros pequenos nos que se garante que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia”.