Skip to main content
Foz

Cajoto suspende as xornadas gastronómicas e taxas a establecementos hostaleiros

Por 27 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

Fran Cajoto, alcalde socialista de Foz

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia as medidas que adopta o Concello tralas restricións impostas polo goberno da Xunta de Galicia na orde do 26 de xaneiro de 2021. Entre elas están a supresión de taxas para establecementos hostaleiros, como as das terrazas ou da recollida de lixo, e o peche de instalacións municipais.

O rexedor municipal explica que “Foz continúa con 10 casos positivos en covid-19 diagnosticados nos últimos 14 días, 2 menos que na xornada anterior. De todos formas no Concello de Foz somos consecuentes coas normas e disposicións adoptadas polas outras administracións, neste caso pola Xunta de Galicia, que é quen ten as competencias”.

Así, o alcalde anuncia a suspensión das xornadas gastronómicas imPULSA Foz, que comezaron a semana pasada. “Organizamos estas xornadas como un impulso á hostalería local, poñendo o acento no consumo responsable nos nosos establecementos e axudando a bares, restaurantes e comercios con 2.000 euros en vales canxeables en establecementos de Foz. Este mércores día 27 fíxose o primeiro sorteo, de 500 euros en 10 vales de 50 euros. Sen embargo dadas as novas restricións e o peche obrigado da hostalería, debemos ser consecuentes e proceder á suspensión temporal da campaña”, engade Fran Cajoto.

Ademais o alcalde destaca: “de tódolos xeitos seguiremos actuando de forma responsable e apoiando sempre ao tecido comercial local porque son moitas veciñas e veciños, autónomos e pequenos empresarios, que viven do sector servizos. Tódalas nosas accións van encamiñadas a apoiar e potenciar a actividade comercial, sempre de forma responsable pola persistencia da enfermidade. En verán fomos dos poucos ou case o único concello que fixemos pequenas actuacións musicais na rúa, tamén levamos o cine ao exterior, continuamos con diversas campañas como o imPULSA Foz e coa actividade cultural cunha programación moi completa de teatro e outras actividades. Non queremos esquecer tampouco a exención de taxas que se fixo no anterior peche obrigado do mes de marzo de 2020. É por iso que procederemos de igual xeito que no Decreto de Alcaldía de data 26/04/2020 durante o período de peche, suprimindo taxas como as terrazas ou a recollida de lixo, neste caso previa solicitude”.

Cajoto indica tamén que “o que non vamos permitir desde o Concello son demagoxias ou populismos nesgados e malintencionados. Estamos a ver como desde o Partido Popular de Foz se nos piden axudas de medio millón de euros, supresión de taxas e ao mesmo tempo arranxos de rúas que levan moitos anos en mal estado, da época na que estaban gobernando. Estamos a facer un traballo serio e rigoroso, actuando onde nos permiten as leis e sendo consecuentes cos nosos actos. Non é de recibo que se pretenda, coa que está caendo, disfrazar a realidade e pretender que se invista o que non se fixo en 8 anos e con menor recadación, co agravante de deixar un concello cuns gastos comprometidos maiores ca nunca. As administracións debemos ser leais as unhas coas outras: eu persoalmente non comparto moitas das medidas para atallar o covid-19 pero acátoas. Non é xustificable que, sen ningún tipo de acordo ou conversa mínima, a Xunta fale en nome dos concellos para cofinanciar unhas supostas axudas ou fondos, con tres das catro deputacións en contra. Estas actitudes xeran malestar e desconfianza, nuns momentos difíciles nos que todos debemos sumar e traballar de forma conxunta”.

O alcalde de Foz anuncia tamén a publicación dun bando coas medidas a adoptar conforme a orde do 26 de xaneiro da Xunta de Galicia, no que se informa a todas as veciñas e veciños de que permanecerán pechadas distintas instalacións como a Escola de Música, piscina, museo da Basílica, Pavillón de Marzán, Campo de fútbol de Malates, Pistas de tenis e pádel de Marzán e outros de usos múltiples. Os parques infantís e zonas deportivas ao aire libre permanecerán abertos pero con aforo máximo conforme á cartelería disposta.