Skip to main content
LugoMonforteSarria

Adif licita a subestación eléctrica de Oural e os centros de autotransformación do tramo Ourense-Monforte-Lugo

Por 22 Xaneiro, 2021Xaneiro 25th, 2021Sin comentarios

Imaxe dun tren ao seu paso por Sarria

Adif vén de licitar, por importe de 18.427.458,36 euros, o contrato para a construción das obras da subestación eléctrica de Oural e os centros de autotransformación para o tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo. O contrato recolle as obras e instalacións necesarias para a execución da subestación eléctrica de tracción de Oural, e os centros de autotransformación asociados, para o tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, co obxectivo de implantar a electrificación do tramo ao sistema 2×25 Kv.

Estes traballos, enmarcados nas actuacións deseñadas para a mellora da liña, persegue o obxectivo, segundo explican dende Adif, de modernizar de forma significativa o estado da infraestrutura actual e seguir así potenciando a competitividade da rede ferroviaria galega.

A primeira das dúas fases do contrato fai referencia ao tramo entre Monforte de Lemos-Lugo, coa construción das seguintes instalacións:

• Un centro de autotransformación final e 5 centros de autotransformación intermedios.

• Unha subestación de tracción en Oural. Nesta fase, o contrato tamén contempla a construción da obra civil dos equipamentos exteriores, a plataforma e edificio para o equipamento de alta e baixa tensión da subestación, a construción de camiños e plataformas de acceso á mesma e a subministración e montaxe dos servizos auxiliares, entre outras actuacións.

A segunda fase céntrase no tramo Ourense-Monforte de Lemos e inclúe a construción das seguintes instalacións:

• Un centro de autotransformación final ou de zona neutra.

• Un centro de autotransformación intermedio.

• Instalación de dous conxuntos de centros de transformación para a subministración de enerxía ás instalacións de seguridade do traxecto, nas estacións de Vos Peares e Canabal. Nesta fase, o contrato tamén se centra na execución das estruturas de aceiro e obra civil para os equipamentos exteriores, canalizacións de cable de retorno, montaxe tanto de material eléctrico como de control e a subministración dos servizos auxiliares, entre outras actuacións.

Beneficios da actuación

O principal beneficio desta actuación é a notable vantaxe ambiental da tracción eléctrica fronte ao diésel, xa que require de menos enerxía primaria, en torno ao 25 por cento menos, e dun 45 por cento menos de enerxía procedente de fontes fósiles e, por tanto, non renovables. Doutra banda, a tracción eléctrica produce menos emisións de gases de efecto invernadoiro e axuda a aumentar a seguridade nas circulacións xa que evita o transporte de combustibles inflamables nos tanques das máquinas de tracción.