Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAViveiro

Os comerciantes da Mariña presentan as súas demandas á Xunta

Por 27 Xaneiro, 2021Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

O novo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia mantivo un encontro en Viveiro co presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo, para trasladarlle as principais liñas de apoio ao sector para este ano e escoitar as súas inquedanzas e propostas ante a actual situación sanitaria e as novas restricións.

Manuel Heredia lembrou que, desde o inicio da pandemia, a Xunta se centrou en atender as necesidades máis inmediatas dos sectores máis afectados, con especial atención ao comercio, en ámbitos como o financiamento e a aplicación de medidas de seguridade, ao mesmo tempo que traballa para lograr unha recuperación sólida, asentada na transición dixital e ecolóxica.

Neste ámbito, o director xeral sinalou que, sen deixar a un lado a calidade e a profesionalidade que caracterizan ao comercio de proximidade, cómpre apostar por compatibilizar as vendas presenciais co comercio electrónico, ao tempo que se fomenta a sustentabilidade e a innovación. Nestes dous aspectos centraranse un ano máis as liñas de axudas do seu departamento, co obxectivo de que o sector conte coas ferramentas necesarias para resistir con forza o impacto da crise, sempre en colaboración e coordinación coas asociacións de comerciantes. Esta aposta pola modernización vén acompañada dos mecanismos de financiamento necesarios, e así, a Xunta, a través do Igape, conta cun plan de financiamento empresarial dotado con 103 millóns de euros que mobilizará 300 millóns de euros.

A estes apoios súmanse os da Consellería de Emprego e Igualdade, que está a ultimar o segundo Plan de rescate dirixido a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros pechados, que volverá incluír axudas directas aos sectores máis afectados polas novas restricións sanitarias.

Durante o encontro, tamén se avaliaron as medidas que entrarán en vigor esta medianoite para facer fronte á covid-19 e que están centradas no adianto do horario de peche do comercio minorista ás seis da tarde (agás actividade comercial esencial); e o peche de centros comerciais e grandes superficies (máis de 2.500m2) durante a fin de semana e festivos (agás actividades esenciais). Desde a Xunta agradeceuse ao sector todo o apoio e comprensión polo gran esforzo que levan realizado desde o inicio da pandemia. Conscientes de que o sector está sufrindo un impacto severo, o obxectivo destas restricións é salvar vidas, a principal prioridade.