Skip to main content
Ribadeo

Alumnos do IES de Ribadeo participan nunha actividade autonómica on line

Por 12 Febreiro, 2021Sin comentarios

Durante todo o venres 5 de febreiro e a mañá do sábado 6 de febreiro as alumnas Helena Asensio Bande, Patricia Izquierdo Sampedro, Carme Lago Fernández e Elisa Otero Rodríguez, de 1º de BAC do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participaron activamente na II Sesión Autonómica do Modelo de Parlamento Europeo, unha actividade auspiciada pola fundación San Patricio e coordinada polo colexio M. Peleteiro de Santiago que conta coa participación de 8 centros da comunidade e un total de 40 alumnos e alumnas.

Despois dunha inauguración atípica a través de videoconferencia, o alumnado entrou en salas virtuais nas que cada comisión elaborou unha resolución sobre cada un dos temas de debate, que nesta ocasión foron os seguintes: A Unión Europea ante o fortalecemento de China, Racismo e discriminación racial na Unión Europea, Teletraballo e conciliación da vida persoal e laboral, e A busca de inmunidade dixital fronte á pandemia. As resolucións foron presentadas na Asemblea Xeral do sábado que tivo lugar de xeito virtual entre as 8:45 e as 14:00 horas. Cada comisión defendeu e deu resposta ás preguntas, emendas ou discursos en contra por parte da Asemblea e finalmente votaron sobre elas. Catro resolucións, catro diálogos abertos e unha hora para decidir sobre cada proposta.

A situación social do país impide que esta convocatoria sexa presencial como en todas as ocasións anteriores, e priva ao alumnado dunha cercanía e dunha experiencia máis directa, sen embargo o tesón e a responsabilidade de todos os implicados consegue manter o interese, o nivel e o éxito deste proxecto.

A actualidade e vixencia dos temas elixidos, a corrección no seu tratamento e o interese que suscitou nos centros adheridos ao programa, converten esta II Sesión Autonómica do Modelo de Parlamento europeo non só nun fiel reflexo do modelo parlamentario, senón tamén nunha lección de profesionalidade e vocación intelectual por parte do alumnado, que, a pesar das circunstancias, traballan máis alá dos seus deberes tratando aspectos que repercuten sobre toda a sociedade civil e sobre os que teremos que seguir construíndo o noso futuro.

Centros, profesorado e alumnado seguen mantendo a cotiandade que é imposible noutros sectores sociais, e demostran así o compromiso que o ensino ten coa cidadanía nestas situacións extremas. O traballo do profesorado segue apoiando e fundamentando a contorna social, e aportando normalidade nestes tempos difíciles. O comportamento e actitudes do alumnado contribúen a manter a esperanza e a confianza no que podemos e debemos facer para superar esta situación. Se os problemas aumentan, tamén aumenta a decisión e a coraxe da cidadanía, e, dentro da cidadanía esta xuventude está dando unha lección a diario da súa disposición a colaborar activamente para conseguir un mundo mellor.