Skip to main content
A Fonsagrada

Día de celebración no centro de maiores da Fonsagrada

Por 13 Febreiro, 2021Sin comentarios

Momento dunha das actividades no centro

O Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada está de aniversario. Este sábado, cando se cumpre o primeiro ano da súa posta en funcionamento, traballadores e residentes están a gozar de distintas actividades de lecer, que teñen como temática transversal a Feira do Butelo, que coincide nestas datas pero que este ano non se puido celebrar por mor das restricións sanitarias pola pandemia.

A comunidade do centro degustou un menú especial a base deste produto típico da zona, representou unha obra de teatro baixo o título A Nosa Feira, e participou nas actividades En Busca do Butelo e Furor -alusiva ao programa televisivo de finais dos 90 con orixinais probas musicais, de habilidade e preguntas-, ademais dun baile, entre outras sorpresas.

O presidente da Deputación, José Tomé, envioulles a usuarios e a traballadores unha mensaxe audiovisual de felicitación “por este primeiro ano de convivencia na que é a vosa casa, un tempo no que formastes unha verdadeira familia, polo que quero darvos os parabéns. O regalo máis importante é que estades todos e todas ben”. Agradeceu ademais o labor dos empregados e empregadas do centro porque “grazas a vós, o modelo de atención ás persoas maiores que estamos ofrecendo dende a Deputación de Lugo é xa un referente”.

A comunidade do Residencial Rois da Fonsagrada viu esta mensaxe e todas as que recibiron nos últimos días por parte de familiares e seres queridos para felicitalos e desexarlles ánimo para continuar afrontando a situación provocada pola pandemia. A día de hoxe, as visitas non están permitidas debido ás restricións sanitarias e esta foi unha maneira de acompañalos nesta data especial.

As actividades de lecer no centro da Deputación continuarán ata o martes con propostas vinculadas co Día de San Valentín e o Entroido.