Skip to main content
Lugo

A Audiencia de Lugo arquiva o caso do Garañón

Por 4 Febreiro, 2021Febreiro 5th, 2021Sin comentarios

A Audiencia Provincial de Lugo decretou o arquivo da causa do Garañón, a investigación que iniciara a xuíza Pilar de Lara sobre un suposto caso de corrupción urbanística en relación coa construción das torres situadas nas inmediacións do parque Rosalía na capital lucense. Entre os investigados figuraban o exlíder do PSdeG-PSOE e expresidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o exalcalde de Lugo, José López Orozco, que tiveron que deixar os cargos a raíz destas imputacións.

A Audiencia Provincial acordou agora o “sobresemento provisional” e o “arquivo das actuacións” do caso baseándose en que “se construíu sobre meras sospeitas”. O auto recorrido aludía a unha trama urbanística urdida “por unha especie de organización ou grupo criminal” que despregaba no ámbito das súas competencias diversas accións “en connivencia, para favorecer a determinados construtores en prexuízo dos demais e polo tanto da propia cidadanía”.

A sección segunda da Audiencia entende que ese presuposto non se acreditou e que, na maioría dos casos, non existía “relación xerárquica” nin “relación persoal, directa ou indirecta”, nin se acreditou, engade, “indicación, presión ou directriz algunha para aprobar ou informar algúns dos expedientes”.

REACCIÓNS

O exalcalde de Lugo, José López Orozco, ao que a imputación neste asunto o obrigou a deixar a alcaldía no ano 2015, amosou a súa satisfacción polo arquivo do caso, do que di “foi unha acusación inxusta que nada probaba porque nada se podía probar”. Para Orozco, “actouse conforme á lei e a Audiencia sóuboo ver. Estou moi feliz”.

Dende a Secretaría Provincial do PSOE aseguran que a noticia supuxo unha “enorme satisfacción para todos os socialistas de Galicia e en especial para os da provincia de Lugo”. O arquivo da causa, din, demostra que “as denuncias eran completamente infundadas e poñen ao descuberto a quen durante estes anos tratou de sacar rédito político, cuestionando a xestión do socialismo no Concello, e no nome das persoas inxustamente implicadas”.

Torres do Garañón