Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O PSOE de Outeiro preguntará polas horas de uso do SAF

Por 24 Febreiro, 2021Sin comentarios

A voceira do PsdeG-PSOE de Outeiro de Rei Carmen Acacio avanzou que na vindeira sesión plenaria interpelará ao alcalde sobre o incremento das horas do SAF durante a pandemia no Concello, e tamén sobre o número de usuarios cos que conta actualmente deste servizo.

Acacio, lembra que a loita contra a pandemia da covid-19 requiriu dos concellos a intensificación e a realización de novas tarefas, nomeadamente no eido dos servizos sociais municipais, onde se implementaron todo tipo de medidas extraordinarias. Ademais, foi preciso dar resposta tamén a novas problemáticas xurdidas pola pandemia, como foron as distintas situacións de necesidade froito do peche dos centros de día, sociocomunitarios, ocupacionais, escolas infantís, puntos de atención á infancia, ludotecas ou residencias de tempo libre.

A voceira Socialista tamén quere coñecer a posibilidade de solicitar á Xunta a ampliación das liñas de autobuses para algunhas das parroquias do Concello, debido ao aumento da poboación en diversos núcleos por mor da pandemia.

Día Internacional da Muller

Por último, Acacio defenderá unha moción para conmemorar o Día Internacional da Muller. “Dende todas as institucións debemos traballar para que esta crise non deixe a ninguén atrás e tampouco leve por diante ás mulleres. Por iso a través desta proposta propoñemos impulsar e reforzar o marco normativo municipal para que se introduza a perspectiva de xénero en tódalas políticas levadas a cabo dende o Concello. E tamén, demandar á Xunta dentro do seu marco competencial, impulsar políticas dirixidas a pechar as moitas brechas que aínda quedan pendentes”, resumiu.