Skip to main content
Monforte

O Ateneo Casino convida a participar nunha homenaxe ao poeta Lois Pereiro

Por 18 Febreiro, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

O Ateneo Casino de Monforte ten en marcha unha homenaxe a Lois Pereiro para conmemorar o 25 aniversario do seu pasamento. A campaña ’25 anos con Lois Pereiro’ lanzouse en redes o pasado martes 16, día no que cumpriría anos o poeta monfortino. E fíxoo cunha serie de vídeos nos que participan máis de 30 destacados persoeiros da cultura galega. Entre eles, Manuel Rivas, Olga Novo, Claudio Rodríguez Fer, Mercedes Peón ou Miguel de Lira.

Os vídeos están a ter unha enorme difusión, con miles de reproducións e grande repercusión nas redes. “Estamos abraiados pola acollida e as respostas tan positivas ante este acto que lanzamos para celebrar a vida e obra de Lois” comenta Xepe Rodríguez, responsable da área de Acción Social do Ateneo.

Agora o Ateneo Casino busca seguir enchendo as redes da poesía de Lois Pereiro e para iso chama á participación de quen se queira sumar. Así, desde a organización animan ás persoas interesadas a facer os seus propios contidos tributo ao poeta de Monforte e subilos ás redes baixo o cancelo #LP25anos. Os traballos tamén se poden enviar directamente ao Ateneo, a través do correo ola@ateneocasino.gal ou do whatsapp 648 435 033, para que os suban as redes.

Desde o Ateneo Casino explican que a conmemoración dos 25 anos con Lois Pereiro será “un acto expansivo con epicentro no Ateneo Casino, pero que se estenderá ao longo do ano e que incluirá accións presenciais en toda Galicia en canto a situación sanitaria o permita”.

Ademais da homenaxe a Lois Pereiro, a conmemoración do Ano Xacobeo e o debate ao redor da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade, serán as principais liñas de programación do Ateneo Casino de Monforte para este ano.