Destacadas Otros RIBEIRASACRAXAQuiroga

Quiroga exime das taxas municipais aos negocios que estiveron pechados pola covid

Por 23 Febreiro, 2021Febreiro 25th, 2021Sin comentarios

O Concello de Quiroga vén de poñer en marcha o I Plan de Axudas a autónomos e empresarios do municipio afectados pola crise da covid-19 e que tiveron que pechar os seus negocios polas medidas que se adoptaron o pasado 27 de xaneiro. Este primeiro plan municipal de axudas implica que o Concello non lles cobrará os recibos municipais de auga e lixo correspondentes ao primeiro trimestre deste ano.

As persoas interesadas en acollerse a este plan deben presentar as súas instancias entre o 1 e o 10 de marzo. Poden facelo directamente nas oficinas municipais, chamando ao teléfono 982 428 001 ou a través da sede electrónica do Concello.

O goberno local non desbota elaborar un segundo plan de axudas pero, en todo caso, farao a medida que se vaian coñecendo as actuacións das demais administracións, “para non solapar axudas”.

VENDA AMBULANTE

De igual xeito, o Concello de Quiroga confirmou que tamén aplicará unha axuda aos vendedores ambulantes e ás polbeiras que habitualmente instalan os seus postos nas tradicionais feiras da localidade, que se celebran os días 10 e 27 de cada mes. Así, non lles cobrará as taxas de venda ambulante polas feiras do vindeiro 27 de febreiro, nin tampouco polas do 10 e 27 de marzo.