Skip to main content
Folgoso do Courel

A Xunta admite “deficiencias” no contrato do transporte escolar do Courel

Por 10 Febreiro, 2021Sin comentarios

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, recoñece “deficiencias” no plego de condicións para renovar o contrato do transporte escolar en Folgoso do Courel, como por exemplo “que poden faltar algunhas paradas”. Así o dixo este mércores, en resposta a unha pregunta ao respecto formulada polo BNG no pleno do Parlamento galego.

A deputada nacionalista María del Carmen Aira acusaba na súa intervención ao Goberno autonómico de “precarizar” a vida dos nenos do rural, particularmente aos escolares do Courel, cunhas condicións no servizo de transporte que lles faría pasar ata “dúas horas ao día” na estrada.

Na súa resposta, o conselleiro asegurou que o contrato “non está pechado” para a súa adxudicación e deixou ver que poderían ser “corrixidos” determinados aspectos do mesmo durante o período de revisión que está aberto. Educación paralizou fai semanas o proceso de adxudicación do servizo de transporte do Courel, logo de atoparse co rexeitamento firme da comunidade educativa e do propio Concello. A parálise está a afectar tamén a liñas do bus escolar dos concellos do Incio, Ribas de Sil, Bóveda e mesmo Monforte, porque ían no mesmo lote.

“A vostede gustaríalle que cortase as esperanzas de non corrixir, daríalle ánimos para seguir no seu discurso infantil. Estamos buscando solucións, sempre respectando a lei”, remataba o conselleiro.