Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta denuncia a “parálise” na xestión do Pxom

Por 28 Febreiro, 2021Sin comentarios

O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, denunciou a “parálise administrativa” en relación coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (Pxom) por parte do goberno do PSdeG no Concello de Vilalba.

Unha interpelación pública que, tal e como explicou, chega logo de “20 meses de inacción municipal”, ao respecto dun documento de ordenación urbanística que “a veciñanza leva agardando dende 2004.”

“En xaneiro de 2018, o Pleno aceptou que a empresa, ata ese intre, encargada da redacción lle  cedera ese cometido a outra baixo a argumentación de que os traballos de  planimetría se aproveitarían. Dende entón: un ano máis de PP, outros dous de PSOE, e o PXOM exactamente igual: durmindo no limbo dos xustos”, lamentou a este respecto o edil.

Renda, que vinculou ausencia dun Plan Xeral coa xudicialización do urbanismo en Vilalba, apuntou directamente á responsabilidade da Alcaldesa e á do edil de urbanismo, Luís Fernández Álvarez, aos que acusou de “gastar o diñeiro dos vilalbeses/as” na contratación de estudos a empresas privadas baixo a cortina de fume do “deseño da Vilalba do futuro”, ao tempo que se mantén “completamente paralizado” o “único instrumento válido para ese obxectivo, como é o PXOM ”

O PXOM: UNHA FERRAMENTA CLAVE 

O voceiro de Vilalba Aberta cualificou de “inadmisible” a pasividade municipal, en tanto que “da aprobación do Plan Xeral depende superar, tamén, a situación de bloqueo, en relación coa necesaria ampliación do chan Industrial”.

“Outra ferramenta”, remarcou, “fundamental para o futuro do Concello e imprescindible para a reactivación económica e a creación de postos de traballo para a veciñanza, en base ao interese de varias empresas por asentarse no noso Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso”.

Para Renda, o necesario Plan Xeral é, máis alá do mellor garante de cara a unha planificación racional e ordenada da construción destinada a uso residencial e industrial, “fundamental, así mesmo, para a integración axeitada das parroquias” e “primordial de cara á protección eficiente da contorna con valores históricos, forestais ou paisaxísticos.”

Á necesaria atención das reivindicacións veciñais, en relación coa arbitrariedade urbanística no rural e, en suma, á desexada posta en marcha dunha rede consecuente de transporte público que o conecte; o edil engadiu tamén a conta pendente do Concello en termos de conservación. Así, lembrou que “a través do Plan Xeral detállase a protección”, o que, segundo afirmou, abriría a porta ao “establecemento de contornas de protección ao redor dos diferentes conxuntos e/ou bens patrimoniais a respectar”.

“Imaxinemos o caso dos cemiterios neogóticos. O Pxom permitiría trazar unha contorna de protección ao redor do conxunto parroquial, e outro, ademais, máis afastado”, explicou.

A este respecto, tamén fixo referencia á protección das construcións e elementos vilalbeses senlleiros. “Patrimonio inmaterial, mais tamén material polas tipografías e outros elementos que representan unha época concreta de Vilalba, e cuxo rexistro e catalogación urxe acometer, en tanto que bens patrimoniais únicos que son”.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO

A creación dunha comisión municipal de seguimento que controle a redacción do Plan Xeral é unha vella reivindicación dentro da curta vida de Vilalba Aberta e, tal e como anunciou o seu voceiro, unha proposta aos grupos con representación que, dende a formación asemblearia, “volverán defender en Pleno.”

“Dende Vilalba Aberta entendemos como urxente a fiscalización e control dun procedemento, que consideramos así mesmo clave, tanto para ordenar o territorio como para dar seguridade xurídica aos veciños/as”, apuntou.

Neste senso a iniciativa, que permitiría a fiscalización do traballo da empresa redactora por parte de goberno e oposición e que, segundo explicou Renda, “mantería a súa vixencia, inclusive de levarse a cabo unha posible nova contratación, co fin de exercer sobre posteriores traballos de redacción e tramitación administrativa.”

Con respecto á súa composición, a comisión ideada por Vilalba Aberta seguiría o mesmo criterio que as actuais comisións informativas e reuniríase ordinariamente unha vez cada dous meses e, de xeito extraordinario, tantas veces como fora preciso en función da urxencia dos asuntos a tratar en cada momento.

Na mesma liña, o seu obxectivo entenderíase cumprido no intre no que se aprobe definitivamente o PXOM e os seus membros renunciarían expresamente a calquera tipo de retribución que lles correspondera derivada da asistencia á mesma.